O chanceler alemán reafirma a negativa ao envío de armamento pesado a Ucraína

O chanceler de Alemaña, Olaf Scholz, defendeu a súa decisión de non enviar armas pesadas a Ucraína, alegando que fará "todo o posíbel para evitar unha escalada que conduza a unha terceira guerra mundial", despois das críticas recibidas a nivel nacional e internacional. A discusión sobre o aumento das sancións a Rusia e do envío de armamento a Ucraína están xerando friccións tanto no Goberno alemán como na sociedade deste país. O Executivo advirte das importantes consecuencias que tería un fechamento do gas ruso.
Mentres sectores alemáns piden distensión con Rusia, o chanceler, Olaf Scholz, é premido na súa coalición para apoiar máis Ucraína. (Foto: Michael Kappeler / dpa)
photo_camera Mentres sectores alemáns piden distensión con Rusia, o chanceler, Olaf Scholz, é presionado na súa coalición para apoiar máis Ucraína. (Foto: Michael Kappeler / dpa)

O chanceler de Alemaña, Olaf Scholz, explicou esta sexta feira nunha entrevista concedida ao xornal Der Spiegel, que o Estado alemán fixo entrega de armas antitanque, equipos antiaéreos, munición, vehículos e material das Bundeswehr, as Forzas Armadas alemás, "que Ucraína pode usar directamente na súa loita defensiva". Porén, clarificou que as opcións da Bundeswehr para fornecer armas adicionais do seu arsenal están "en gran medida esgotadas". 

Alemaña, cuarto maior exportador mundial de armamento, recibiu críticas a nivel internacional, nacional e mesmo dentro da propia coalición gobernamental por non poñer á disposición de Ucraína armamento pesado. 

Mais isto non ten feito mudar o punto de vista do chanceler deste Estado, quen se reafirmou esta sexta feira no seu postulado de non proporcionar armamento pesado a Ucraína. "Farei todo o posíbel para evitar unha escalada que conduza a unha terceira guerra mundial. Non debe haber unha guerra nuclear", aseverou Scholz. 

Segundo o chanceler alemán, a paz en Ucraína só será posíbel cando as tropas rusas se retiren do territorio ucraíno. "Ten que haber un cesamento do fogo, as tropas rusas teñen que retirarse", salientou. É por iso que o chanceler alemán aposta por un incremento dos esforzos nas vías de resolución diplomática do conflito.

Por outra parte, o actual xefe do Executivo de Alemaña, opina que o seu partido, o socialdemocrata SPD, "non ten por que aceptar as acusacións que se están facendo" sobre a súa suposta complicidade con Rusia nin ten que revisar de forma crítica a política seguida cara a Rusia nos últimos anos. Neste sentido, lembrou que, independentemente da defensa do interese alemán nas súas relacións cos Estados do mundo, "o SPD é un partido firmemente integrado na Alianza Atlántica e Occidente".

División en Alemaña

Con respecto ás divisións sobre a posición do chanceler alemán no referente á provisión de armas a Ucraína e á política de sancións económicas a Rusia, Anton Hofreiter, presidente do comité de Europa do Parlamento de Alemania, do Partido Verde, o seu socio de coalición no Goberno, declarou á axencia de novas Reuters que ten "a impresión de que (Scholz) non é consciente do grave dano que está causando á reputación de Alemaña en toda Europa”.

Os Verdes e os liberais (FDP) están molestos porque o chanceler non está a cumprir coa petición de Ucraína para o envío de armamento pesado. Tampouco consideran suficientes os esforzos para reducir a dependencia enerxética alemá de Rusia.

Neste sentido, o embaixador ucraíno en Berlín acusou ao Goberno alemán de proporcionar a Ucraína un apoio pouco entusiasta e dixo que este Estado tíñase convertido en vítima da dependencia “vergoñosa” do petróleo e do gas rusos.

Dependencia das importacións rusas

Alemaña obtén 25% do seu petróleo e 40% do seu gas de Rusia, o que fai que a poboación e a industria alemás sexan fortemente dependentes das importacións desde este Estado. Un peche prematuro da billa do gas por parte do Kremlin podería levar a unha paralización parcial da industria alemá, como levan advertindo expertos e o propio Goberno federal desde hai semanas, co consecuente impacto nas cadeas de subministración e no aumento do desemprego.

O chanceler Scholz atópase nunha difícil situación na que intenta atopar un equilibrio entre uns socios de coalición que lle piden maiores xestos de apoio a Ucraína e importantes sectores políticos e industriais que apostan por unha política de distensión con Rusia que consiga obter solucións non militares ao conflito e permita retomar unhas relacións comerciais normalizadas.

Comentarios