O centralismo limita a acción das comunidades ante o virus

O Ministerio de Sanidade descarta polo de agora o confinamento domiciliario para frear a pandemia. Con todo, se algunha comunidade quixer implantar esta medida poderíase dar o mesmo caso que o acontecido en Castela e León, onde o Executivo español recorreu no Supremo a decisión de adiantar o toque de recoller.
Unha muller e un home camiñan portando máscara polas rúas da cidade de Lugo (Foto: Carlos Castro/Europa Press).
photo_camera Unha muller e un home camiñan portando máscara polas rúas da cidade de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O vixente estado de alarma non permite ás comunidades autónomas adiantar o recoller obrigatorio para antes das 22 horas nin moito menos ordenar o confinamento domiciliario da poboación, medida esta última que colle forza ante a contundencia que está a ter a terceira onda do coronavirus. De feito, na pasada semana catro Gobernos autonómicos de distinto signo político -Asturies, Murcia, Castela e León, Andalucía- pediron ao Executivo estatal considerar un confinamento domiciliario.

O centralismo segue a provocar enfrontamentos entre o Estado e as comunidades na xestión da pandemia, como acontece co caso de Castela e León. Mañá o Tribunal Supremo estudará o recurso presentado polo Executivo español en contra do adiantamento ás 20 horas do recoller obrigatorio nese territorio ordenado polo Goberno autonómico. A "cumprir coa legalidade" instou de feito onte a ministra de Política Territorial, Carolina Darias, ao presidente da Xunta de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco.

Coa disputa viva, xa que Mañueco anunciou que manterá o adiantamento do recoller ás 20 horas até que o Supremo diga o contrario, desde as administracións de Euskadi, Galiza, Madrid, Andalucía, Balears, Canarias e Cantabria postuláronse onte a prol de que o Real Decreto de estado de alarma -vixente até o 9 de maio- permita ás autonomías adiantar o recoller para antes das 22 horas. 

Pola súa banda, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, preguntado sobre a posibilidade de modificar o decreto do estado de alarma -que necesariamente require a aprobación dun novo no Consello de Ministras e Ministros e ser revalidado despois no Congreso-,  afirmou que sempre están "abertos a escoitar e a mellorar as ferramentas", pero "facéndoo ben, coas máximas garantías, todos xuntos".

"Non vou anticipar ningunha decisión respecto diso", aclarou. Segundo Salvador Illa, é no Consello Interterritorial -que se reúne mañá- onde se deberá tomar unha decisión, se así se acorda por consenso entre Ministerio e comunidades, para estudar se ampliar a marxe horaria estipulada para o recoller obrigatorio. 

Salvador Illa prefire endurecer as medidas actuais ao confinamento

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, pediu hoxe aos Gobernos autonómicos que antes de solicitar a ampliación do estado de alarma para permitir novas medidas contra a pandemia -como o confinamento domiciliario- despreguen "todo o efecto" das medidas que xa se contemplan no actual decreto de estado de alarma.

De feito, puxo de exemplo as novas medidas que anunciou o presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García-Page, que pasan por adiantar o recoller obrigatorio ás 22 horas, confinar perimetralmente todos os municipios e fechar a hostalaría, centros comerciais e lugares de lecer en xeral. Illa asegurou que as restricións que se contemplan no estado de alarma actual son "suficientes" e que "antes de pedir máis medidas", "vai ben que se despreguen" as que xa están dispoñíbeis.

Comentarios