A diferenza da posición de CC OO e UGT

Centrais sindicais nacionalistas e de clase aproban un manifesto a prol do 1-O

A diferenza do que acontece coas centrais sindicais españolas maioritarias, o sindicalismo nacionalista nas nacións sen estado apoia sen fendas a convocatoria de referendo de autodeterminación. Centrais soberanistas como as galegas CIG e CUT, as vascas ELA e LAB ou as catalás Coordinadora Obrera Sindical (COS), ICA e CSC asinaron este domingo en Barcelona un manifesto, canda outras organizacións sindicais de clase do Estado como o Colectivo Unitario de Trabajadores (CUT) ou o Sindicato Andaluz de Trabajadores (SAT)

Diada
photo_camera Dirixentes das centrais asinantes

Días atrás o novo secretario xeral de CC OO, o vasco Unai Sordo, marcaba a posición do sindicalismo reformista de ámbito estatal a respeito do 1-O. Afirmaba que CC OO non chamará a participar no referendo, "na consulta ou no que finalmente se faga", ao tempo que defendía que "chegado o caso se podería explorar un acordo político sobre a hipotética reformulación do marco de autogoberno en Catalunya e en algún momento se podería plantexar algún tipo de reforma constitucional".


Unha posición moi na órbita da defendida polo secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, mesmo en algúns máis aspectos máis tépeda.

En definitiva, as direccións dos sindicatos estatais -quer CC OO quer UGT- evitan apoiar o referendo como tal e non incentivan a participación na consulta. O máximo ao que chegan as súas organizacións territoriais en Catalunya é a daren liberdade de voto ás súas afiliadas e afiliados.

En aberto contraste con esta postura, o sindicalismo das tres nacións sen Estado (Galiza, Euskal Herria e Catalunya) e algunhas centrais de clase de ámbito estatal quixeron apresentar este domingo, na véspera da Diada, unha posición conxunta de inequívoco apoio ao referendo de autodeterminación. Destarte, realizaron un Encontro Sindical en Barcelona e no seu curso asinaron un manifesto conxunto en virtude do cal adquiren o compromiso de "ser parte activa do proceso catalán". Este Encontro Sindical foi convocado a instancias das centrais independentistas e catalás CSC e a IAC.

Estamparon a súa asinatura no manifesto CIG, ELA, LAB, CUT, Intersindical Valenciana, Intersindical Canaria, CSC, IAC, o SAT andaluz, Colectivo Unitario de Trabajadores, ESK, CSI, a Coordinadora Obrera Sindical catalá, STEILAS e STEI.

"O conflito aberto entre Catalunya e o Estado español só se pode resolver através dun referendo no que o pobo catalán poida decidir libremente o seu futuro", consideran as centrais, entre elas a galega CIG, representada no Encontro Sindical polo seu secretario xeral, Paulo Carril.

"En ningún caso pode ser a vía da prohibición, represión ou xudicialización a resposta do goberno do Estado español a este referendo", consideran, ao tempo que se comprometen co procés porque, enfatizan, "o camiño que abriu Catalunya é unha oportunidade para a clase traballadora do resto das nacións e pobos do Estado para conseguir unhas condicións de vida mellores e unha sociedade moito máis democrática e xusta".

Comentarios