Censurado un chío de Trump polos disturbios na cidade de Minneapolis

A Alta Comisionada dos Dereitos Humanos da ONU, Michelle Bachelet, expresou o seu rexeitamento ante a morte dun cidadán negro baixo custodia da Policía e pediu abordar a influencia do racismo xeneralizado no país.
2020052914480367706
photo_camera Manifestación en Nova York pola morte de George Floyd en Minneápolis (Sonia Moskowitz Gordon / dpa)

A rede social Twitter censurou por vez primeira unha mensaxe do presidente dos EUA, Donald Trump, onde describe como "matóns" aos manifestantes que durante os últimos tres días saíron ás rúas de Mineápolis, cidade do Estado de Minnesota, para protestaren pola morte do cidadán negro George Floyd nunha detención policial.

As protestas rexistraron disturbios e episodios de saqueos. O alcalde da localidade, Jacob Frey, declarou a emerxencia local. A Garda Nacional de Minnesota informou a través de Twitter que despregara 500 soldados entre Mineápolis e Saint Paul, a capital do Estado, mentres as protestas continúan en ambas as dúas localidades.

Unha persoa morreu tras recibir un disparo no marco das protestas e tamén se rexistraron incendios. A Policía, pola súa banda, usou gases lacrimóxenos, o que provocou enfrontamentos. Máis tarde, os manifestantes incendiaron unha comisaría en Mineápolis, informou a cadea CNN.

Floyd morreu a comezos desta semana tras ser arrestado pola Policía. Nunha gravación de vídeo pódese ver a un axente branco axeonllado durante varios minutos sobre o pescozo deste home de 46 anos, detido por unha suposta falsificación. Floyd trata de pedir axuda e berra en repetidas ocasións que non pode respirar. Polo momento, catro axentes foron despedidos.

Críticas da ONU

Ao respecto, a Alta Comisionada dos Dereitos Humanos da ONU, Michelle Bachelet, expresou o seu rexeitamento ante esta nova morte e pediu ás autoridades estadounidenses "que tomen medidas serias para deter os asasinatos" de cidadáns negros. Así mesmo pediu que se garanta a xustiza nestes casos.

Ademais, insistiu en se debe abordar a influencia do racismo xeneralizado no país, e referiuse aos casos que acabaron xustificados ou que pasaron a resolverse con medidas administrativas.

Comentarios