Cen mil sinaturas para que se convoque unha consulta sobre a reunificación de Bretaña

Activistas bretóns recolleron xa 95.000 firmas, a 5.000 do limiar a partir do cal poden pedir que se faga unha consulta. Queren que a cidadanía opine sobre a reunificación do país bretón, divido actualmente.

Un referendo para que o Loira Atlántico poida reunifircarse con Bretaña, da que historicamente fixo parte. Actualmente, Breizh está divida entre as ‘rexións’ de Bretaña e Loira. Esa é a finalidade que move desde hai tempo un movemento popular en Bretaña que defende a reunificación do país bretón e maior autogoberno. Ao longo deste tempo teñen organizado manifestacións (con participación nalgunha de máis de 30.000 persoas, como a de 2014 en Nantes), consultas populares e tamén impulsaron unha recollida de sinaturas para lograr 100.000 firmas.

A lexislación establece que se unha petición vai apoiada pola décima parte dos electores dun departamento, poden solicitar á asemblea que se realice unha consulta sobre o tema. No Loira Atlántico hai 993.000 votantes rexistrados, de aí que o movemento proreunificación pulase por reunir 100.000 sinaturas nese departamento. E xa levan recollidas máis de 95.000, no que consideran un éxito. Lembran que 95.000 apoios é, con diferenza, a petición máis apoiada nun depatamento.

Segundo o recoñecido activista bretón Yann Choucq, a reunificación é a pedra chave sobre a que construír a soberanía do pobo bretón e poder facer unha outra política, centrada nas maiorías sociais do país bretón.

O movemento pola reunificación quer impulsar dinámicas de base e populares sen agardar polas institucións, por entender que nun Estado tan centralizado coma o francés esas institucións están ao servizo da 'grandeur' francesa e non do pobo bretón.

Comentarios