Cebrián esfórzase por desvincular o cambio na dirección de El País do relevo de Pedro Jota

Pode xirar El País aínda máis á dereita? A xulgar polas impresións recollidas na contorna do que continúa a ser o diario con máis influencia do Estado español, si.

canho
photo_camera Antonio Caño, foto tirada do seu twitter

O presidente de Prisa, Juan Luis Cebrián, reuniuse hoxe co staff de El País para comunicar formalmente o nomeamento de Antonio Caño, corresponsal até agora en Washington, como novo director do diario. A mudanza ao frente da dirección será efectiva a comezos do mes de Maio.

"Non se entende este movimento. Caño está aínda máis á dereita que Moreno. Que imos facer? Pelexar pola mesma clientela do El Mundo e de ABC?", afirmábase hoxe na redacción do rotativo madrileño.

Antonio Caño substitúe no cargo a Javier Moreno, quen liderou a redacción de El País desde 2006. A súa xestión veu marcada por un notábel descenso na difusión media -o diario pasou de vender 435 mil exemplares en 2007 a 292 mil na actualidade- e polo recorte de persoal -co despedimento do 27% das e dos traballadores en novembro de 2012.

Torpeza informática do futuro director

O nomeamento de Caño estivo a piques de se frustrar por unha torpeza informática do xornalista. Por erro enviou un correo electrónico non a Cebrián, senón a outros correspondentes do medio. Na misiva avanzaba os seus planos como novo responsábel do meio, alén de criticar con dureza o aínda director, Javier Moreno, e aos seus colaboradores máis próximos. Caño defendía no correo unha maior abertura ás novas correntes sociais, o que -de acordo con persoas que o coñecen ben e tamén de acordo co que el ten escrito nas redes sociais- debemos traducir nun maior achegamento a posicións próximas ao PP.

Nos últimos meses ten sido moi perceptíbel a aposta de Cebrián en estreitar lazos coa Moncloa, nomeadamente após Pedro Jota Ramírez e Jiménez Losantos -o sector máis ultra da caverna- ter ditado a súa fátua, ter emprendido a súa campaña, contra o presidente do Goberno. Fontes próximas ao PP admiten que a Moncloa, por intercesión de Soraya Sáenz de Santamaría, facilitou o refinanciamento da xigantesca débeda do grupo, situada na orde dos 3.000 millóns de euros. El País retribuíu o aceno con editoriais moi compracentes con Rajoy, singularmente o escrito após a visita do líder conservador a Obama.

Fobia a Venezuela

En calquera caso, a aterraxe de Caño na dirección interprétase como unha nova xiradela á dereita de El País, dadas as súas boas relacións co PP, a súa fobia a Venezuela -nisto, con todo, vai ser difícil que supere a Moreno- e a súa defensa aberta de pactos entre o PP e o PSOE.

De facto, Libertad Digital -o libelo electrónico de Jiménez Losantos- non dubidou en interpretar o nomeamento de Caño como a toma de control de El País por parte da Moncloa, ligando este movimento ao derrubamento de Pedro Jota Ramírez en El Mundo.

Nos últimos meses ten sido moi perceptíbel a aposta de Cebrián en estreitar lazos coa Moncloa

Cebrián, mentres, esforzouse no encontro co seu staff por desvincular ambos episodios. Non quere que se pense que a Moncloa incorporou El País ao seu aparato de propaganda (nen que se considere que Rajoy conseguiu neutralizar a un medio que no pasado sempre se situou na órbita  do PSOE). É dubidoso que o presidente de PRISA convencese á Redacción. O Comité de Redacción de El País publicou hoxe un comunicado en que salienta que, como prescreben os estatutos do diario, o nomeamento de Caño será submetido a unha votación entre as e os redactores. O seu resultado non é vinculante. Aliás, de ser recusado o candidato por máis de dous terzos dos votos, o Comité gañaría o dereito a ser escoitado polo Consello de Administración da empresa para explicar as razóns do seu rexeitamento.

Comentarios