A CDU/CSU elixe o sucesor de Merkel

O pobo alemán xa coñece as candidatas dos principais partidos que tentarán acceder ao Goberno despois das eleccións do 26 de setembro. O último en revelalo foi a CDU/CSU, que determinou que Armin Lachet sexa o sucesor de Angela Merkel despois dunha semana de conflito aberto entre os candidatos.
09_january_2021_north_rhine-westphalia_cologne_armin_laschet_minister
photo_camera Armin Laschet, candidato da CDU/CSU ás elección federais en Alemaña, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Federico Gambarini / dpa-Pool / dpa)

Queda resolta a dúbida que sobrevoaba os conservadores alemáns desde que o 29 de outubro de 2018 Angela Merkel, chanceler de Alemaña desde 2005, anunciara que non se ía presentar a un quinto mandato: Armin Laschet, presidente da CDU e de Renania do Norte-Vestfalia, será o candidato da CDU/CSU nas eleccións de setembro.

A Executiva da CDU comunicou a súa decisión na madrugada da segunda á terza feira, nunha xuntanza por videoconferencia que se alongou máis de seis horas para decidir entre Laschet e Markus Söder, presidente da CSU -o partido irmán da CDU que actúa en Baviera- e tamén presidente de Baviera.

Segundo informaron os medios alemáns, o resultado na xuntanza foi de 31 votos a favor de Laschet, 9 a Söder e 6 abstencións, nunha xuntanza na que Söder non participou ao non pertencer á cúpula da conservadora CDU.

Historicamente, na unión entre a CDU e a CSU, a persoa que ocupa a Presidencia da CDU, a Unión Demócrata Cristiá de Alemaña, é tamén a candidata da coalición nas eleccións ao Parlamento (Bundestag). Esta tradición baséase en que a CDU opera en todos os länder de Alemaña excepto en Baviera, espazo exclusivo da CSU, a Unión Social Cristiá de Baviera.

A pesar disto, Söder lanzou a súa candidatura o 11 de abril pedindo que se consultaran as bases das formacións políticas e apoiado polas enquisas que o situaban mellor que a Laschet para revalidar o Goberno despois da xestión da pandemia en Baviera. Incluso varios cargos territoriais da CDU e deputados no Bundestag apostaron pola súa candidatura, o que o levou a pedir na semana pasada unha votación no grupo parlamentar, informou Der Spiegel.

O mesmo 11 de abril tamén Lachet presentou a súa candidatura, que foi apoiada no día seguinte pola Executiva da CDU, o que derivou nunha semana de negociacións para que os candidatos buscaran un acordo.

Na segunda feira, ao serán, antes da reunión da Executiva conservadora, ambos interviñeron diante dos medios de comunicación sinalando que a súa intención era a de chegar a un entendemento. Nesas declaracións, Laschet destacou que Söder aceptaría a decisión da dirección do partido.

Onte, cando xa era pública a decisión da CDU, Söber compareceu desde Múnich, capital de Baviera, para dar os parabéns a Laschet, “a CSU acéptao e ofrecémoslle todo o noso apoio sen ningún rencor”, salientou.

O conflito pola elección do candidato da CSU fixo fincapé nos problemas que vén arrastrando a formación: a falta dun programa electoral, a loita “fratricida” entre os candidatos -como a definiu Der Spiegel- ou a caída de votos que xa sufriu nas eleccións do 14 de marzo pasado en Renania-Palatinado, onde o socialdemócrata SPD se mantivo como primeira forza; e en Baden-Vürttember, onde os Verdes alcanzaron unha vitoria que lles permitirá manter a Presidencia do Estado, a única coa que contan, nunha rexión que a CDU gobernou ininterrumpidamente entre 1953 e 2011.

O ascenso dos verdes

A forza política que segundo as enquisas vai ser a revelación das eleccións federais do 26 de setembro é Bündnis 90/Die Grünen (Alianza 90/Os verdes). A media de enquisas que fai politico.eu sitúaos co 21% de intención de voto, a 7 puntos da CDU, que hai só un ano era a opción predilecta para o 38% dos votantes alemáns.

A terceira forza, cun 16%, sería o SPD, os socialdemócratas alemáns non volveron recuperar a preponderancia da que gozaron até o Goberno de Gerhard Schröder, despois de ser o socio minoritario de tres dos catro gobernos de Ángela Merkel.

Por debaixo, a extrema dereita do AfD sería a cuarta forza, co 12%, seguido do liberal FDP (10%) e Die Linke (A Esquerda) co 7% da intención de voto.

Unha chanceler 'verde'

A segunda feira foi o día elixido polos Verdes para presentar a súa candidata, Annalena Baerbock, copresidenta da organización xunto a Robert Habeck, quen insistiu en “que o temos na man”, para postularse como sucesora de Ángela Merkel.

Se ben tanto Baerbock como Habeck transmitiran a súa intención de ser candidatas á Chancelaría alemá, e a diferenza do conflito na CDU/CSU, fixeron un acordo entre elas sen mostras de discrepancia pública até o punto de que foi Habeck quen anunciou antonte a candidatura de Baerbock, que terá que ser ratificada en xuño polas bases da formación ecoloxista.

A única experiencia de Goberno federal dos Verdes remóntase aos anos entre 1998 e 2005, cando se integraron nunha coalición co SPD, con Schröder como chanceler. A organización ecoloxista nunca alcanzou ningún acordo a nivel federal coa CDU/CSU, polo que de darse os resultados que anticipan as enquisas, Annalena Baerbock converteríase na primeira chanceler da historia do partido, cun acordo de coalición co SPD e Die Linke ou o FDP.

Comentarios