Caza xudicial ao indíxena no Brasil

As doenzas víricas son especialmente graves nos pobos orixinarios, e xa causaron unha grave diminución da súa poboación no Brasil durante o século XX. Agora as denuncias de abandono dos indíxenas ante a Covid son perseguidas polo Goberno, que usa contra eles o organismo nacido no ano 1967 para defendelos: a Funai.
sonia_guajajara-apib
photo_camera En primeiro plano, a coordinadora executiva da APIB, Sonia Guajajara, nunha manifestación en defensa dos pobos orixinarios do Brasil (Foto: APIB)

"A perseguição desse governo é inaceitável e absurda! Eles não nos calarão!", escribía na súa conta do Twitter Sonia Guajajara tras ser chamada a declarar pola Policia Federal do Brasil. "Vamos a luta!", apuntaba na mesma rede social Almir Narayamoga, que acompañaba a entrada cunha fotomontaxe del e de Guajajara, baixo a mensaxe: "As intimidações não calarão nossas vozes.

Guajajara e Narayamoga son líderes indíxenas no Brasil. Ela é coordinadora executiva da APIB (Articulação dos Povos Indígenas do Brasil), a principal organización aglutinadora das asociacións do movemento de pobos orixinarios no país. El é líder dos Paiter Suruí, alén dun activista pola defensa da Amazonia que lle custou numerosas ameazas de morte.

Ambos os dous foron acusados pola Fundação Nacional do Índio (Funai) de difundir mentiras contra o Goberno do presidente Jair Bolsonaro. No caso concreto de Guajajara, a Funai pediu a apertura dunha investigación por causa da serie documental en Internet, Maracá – Emergência Indígena

O proxecto audiovisual "pretende mobilizar nas redes apoio ao plano emergencial construído pelos povos indígenas para enfrentar este momento" de pandemia, afirma a APIB. Porén, a Funai sostén que a serie de oito episodios ─dispoñíbel en YouTube─ "estaria imputando ao Governo federal a prática de genocídio, disseminando fake news".

De acordo cos datos recompilados pola APIB, a día de onte había 163 pobos orixinarios afectados pola Covid-19, cun total de 53.329 persoas contaxiadas e 1.060 falecidas. A organización indíxena considera que o Goberno de Bolsonaro non está a protexer debidamente a poboación orixinaria do Brasil (arredor de 850.000 persoas), especialmente vulnerábel á Covid. Neste argumento é que asenta a súa acusación de xenocidio.

O raposo no galiñeiro

Nesta mesma xornada, ademais, a APIB anunciou que presentara un recurso para o arquivamento da investigación contra Guajajara, xa que "os tipos penais invocados" carecen de "indícios mínimos capazes de deflagrar uma investigação penal". Os avogados da coordinadora sosteñen que a líder indíxena está a ser "cerceada em sua liberdade de expressão".

A propia Guajajara, segundo recolleu o xornal conservador O Globo, afirmou que "é claro que a gente recebe isso como um forma de intimidação para as lideranças que estão se opondo às ações ou omissão do Governo federal" na loita contra o coronavirus. "O Governo federal mais uma vez tenta criminalizar o movimento indígena [...] em um ato de perseguição política e racista", sinalou a APIB nun comunicado.

Ademais, criticou que sexa precisamente a Funai, "o órgão cuja missão institucional é proteger e promover os direitos dos povos do Brasil", quen faga a denuncia. 

Fundada en 1967, o papel da Funai é coordinar e aplicar as políticas do Goberno brasileiro para protexer a poboación indíxena, especialmente a illada ou recentemente contactada.

Porén, coa chegada de Bolsonaro ao Palácio do Planalto, esta función foi limitada. O presidente brasileiro sostén que os pobos orixinarios posúen demasiadas reservas e terras protexidas, e avoga por facer un uso económico delas para a actividade agrícola extensiva, a xeración e transmisión de enerxía e a exploración de petróleo, gas e outras actividades. 

Á fronte da Funai, Bolsonaro colocou a Marcelo Xavier, delegado da Policia Federal.

Produtos de limpeza

As imputacións a Narayamoga por parte da Funai son moi similares ás presentadas contra Guajajara. Nomeadamente, acúsano de divulgar datos "inverídicos" durante a campaña Povos da floresta contra Covid-19 de recadación de fondos para a compra de cestas básicas con produtos de limpeza. 

A Funai, segundo o comunicado da Polícia Federal de Rondônia recollido pola Folha (independente) acúsao de "levar a população a crer que os citados indígenas estão desassistidos e sem condições mínimas de subsistência frente à pandemia".

Narayamoga presentouse voluntariamente na segunda feira ante a Policía Federal para coñecer a petición de investigación. "Se a Funai fez isso, para mim, é um desastre, é um desrespeito [...] O Governo precisa respeitar nós, povos indígenas", afirmou o líder dos Paiter Suruí, un pobo contactado en 1969, que viu desde entón a súa poboación reducida polo roubo de madeira, a caza ilegal e os surtos de diferentes doenzas.

En xaneiro pasado, Almir Narayamoga Suruí presentou canda ao cacique kayapó Raoni unha denuncia no Tribunal Penal Internacional (TPI) contra o presidente Jair Bolsonaro por delitos de lesa humanidade. Entre estes, persecución de indíxenas, asasinatos, traslados forzosos e destrución da Amazonía.

Comentarios