A caverna mediática española acusa a Rajoy de 'traizón'

A imprensa madrileña afín ao Partido Popular responde con dureza desde as súas páxinas á decisión do goberno de Rajoy de retirar a reforma da lei do aborto e alíñase co sector ultra-conservador. 

Moncloa
photo_camera [Imaxe La Moncloa]

A saída de Alberto Ruíz Gallardón após anunciarse a retirada da reforma da lei do aborto abriu unha fenda no seo do Partido Popular. Tamén unha crise interna no executivo de Mariano Rajoy, que algunhas voces sinalan como unha estratexia política fronte á convocatoria do referendo en Catalunya e unha hipotética reforma constitucional. 

Mais para as principais cabeceiras da caverna mediática española, o que aconteceu na xornada de onte (23 de setembro) foi, para alén do máis e segundo os xornais da dereita, unha "renuncia" a "un dos alicerces do proxecto social" que defendía o Partido Popular e que sitúan no marco do "vaivén doutrinal dos populares", sinala no seu editorial o ABC. 

Unha opinión partillada tamén por outro dos seus diarios afíns. Para La Razón, a retirada do anteproxecto supuxo un "grave incumprimento" electoral do PP que carrexará "consecuencias" perante o que tildan de "compromiso incumprido". Mais para este rotativo "entre outros paradoxos morais e políticos", din, "déixase en vigor unha lei que foi aprobada por un goberno socialista" e arenga a continuar coa "loita contra o aborto e a defensa da vida". 

A imprensa liberal española tilda de "grave incumprimento electoral" a retirada da reforma e di que a decisión "traizoa" @s votantes do PP

Os xornais liberais madrileños alíñanse así co sector ultra-conservador que no serán da terza feira se manifestaba ás portas da sede do PP, na rúa Génova. Por volta dunhas duascentas persoas acudían á chamada lanzada polos autodenominados grupos 'provida' e apupaban @s líderes populares por teren "liquidado" o proxecto lexislativo ao tempo que aseguraban sentírense "traizoados" polo executivo de Rajoy. 

Libertad Digital, un dos xornais máis á dereita, apunta nun artigo asinado por Emilio Campmany que @s votantes populares foron "desenganados", "abandonados, "adecuadamente pisoteados", "metodicamente despreciados", "arteiramente ultraxados" e "despiadadamente vexados" polo Goberno español. E non só pola retirada da reforma da lei do aborto, senón porque --din-- "queda pouco por incumprir" no programa electoral co que concorreron ás eleccións de 2011. 

La Gaceta di que Rajoy "se vinga" de Gallardón deixándoo caer coa lei

Porén, este diario no seu editorial sitúase acarón de Mariano Rajoy e acusa a Gallardón de ser "un político sobrevalorado" e un "pésimo ministro". "O peor da democracia", chegan a afirmar. Para Libertad Digital, o xa ex-ministro de Xustiza "marcha por ter posto a súa cobiza persoal por riba dos intereses xerais". 

Mais La Gaceta non dubida en apuntar cara á Rajoy como responsábel de "se ciscar" no programa electoral do PP e mesmo di del que "se vinga" de Gallardón deixándoo caer xunto coa reforma da lei do aborto. 

Sexa como for, fica en evidencia unha fonda crise interna no seo do Partido Popular, entre @s seus líderes e a súa base social máis radical. Un feito que xa reflectiu a soidade de Gallardón no seu anuncio de demisión, acompañado unicamente polas persoas fortes do seu Ministerio mais sen rastro algún doutr@s integrantes do Goberno. 

Comentarios