A caverna española énchese de alegría cunha Catalunya fóra da UE

Os xornais da dereita española amencían contentísimos co anuncio do eurocomisario Almunia (até estas, un ‘traidor socialista’) de que unha Catalunya independente ficaría fóra da Unión Europea. E todo isto servido cunha prebe de que o independentismo catalán, como non, lava o cerebro ás crianzas.

El Mundo, ABC, La Razón, La Gaceta… desde o 11 de setembro non paran. A presenza na rúa de millón e medio de persoas reivindicando a independencia debeu ser o máis parecido a un infarto que viviu a caverna mediática españolista desde as eleccións xerais nas que Amaiur atinxiu grupo propio (gañado nas urnas, roubado nos despachos da legalidade española).
 
Desde a Diada, portada tras portada dos catro medios para describir o inferno dunha Catalunya independente. As desta terza feira non decepcionan.

"As declaracións do eurocomisario Almunia nese sentido foron acollidas con xúbilo nas redaccións da caverna mediática"

Así, o ABC titula: “Advertencia da Unión Europea aos sediciosos cataláns”. Isto, ilustrado cun debuxo onde Artur Mas e Puigcercós mollándose baixo a choiva e fóra dun paraguas coa bandeira da UE. As declaracións do eurocomisario Joaquín Almunia nese sentido foron acollidas con xúbilo nas redaccións da caverna, onde o do Psoe, até estas, era un pusilánime e un traidor.
 
En La Gaceta, ‘idem de lienzo’: “A independencia deixaría a Cataluña fóra da UE”. Os artigos inciden no apocalipse que suporía para os cataláns xa non independizarse, senón simplesmentes realizar a consulta.

Os artigos inciden no apocalipse que suporía para os cataláns xa non independizarse


Máis madeira!!
El Mundo opta por outra baza de éxito contra o independentismo, neste caso catalán: a ‘manipulación’ das crianzas. O xornal de Pedro J abre a cinco columnas cun “España terá que se render”, frase que atribúe a un neno que estivo na Vía Catalá. Este medio asegura que “TV3 empregou nenos que participaban na Via Catalana para fomentar a independencia nun informativo infantil”. Coas fotos dos nenos en portada, nome e idade!
 
La Razón tamén opta por esta vía en canto á foto (a da manipulación dos nenos), mais o titular dallo a “A UE deixa claro a Mas que unha Cataluña independente estaría fora de Europa”.
 
A conexión Madrid/Bruxelas, polo que se ve, está desposta a poñerse dura. Cos mercados? Cos bancos? Coas multinacionais? Co incumprimento de dereitos? Cos recortes?... Pois non, cos cataláns. Que se vaian preparando…

Comentarios