xoves 28.05.2020

A catástrofe latente no sumidoiro da UE

Conta atrás para os refuxiados en Grecia ante a ameaza do coronavirus.
Panorámica do campamento de refuxiados de Moria, na illa grega de Lesbos. Deseñado para 3.000 persoas, acolle 25.000 (Angelos Tzortzinis / dpa)
Panorámica do campamento de refuxiados de Moria, na illa grega de Lesbos. Deseñado para 3.000 persoas, acolle 25.000 (Angelos Tzortzinis / dpa)

O 1 de marzo o Goberno de Grecia informaba de que "a partir de agora, non aceptaremos ningunha nova solicitude de asilo durante un mes". Onte finalizou ese veto. Neste tempo o dereito fundamental de pedir protección internacional mantívose en suspenso co beneplácito da UE.

"Entendemos agora que a Lei expirará o 1 de abril e non estamos ao tanto de ningunha decisión por parte das autoridades gregas de prorrogar esta norma", indicou en conferencia de prensa a comezos de semana o portavoz comunitario responsábel de Interior, Adalbert Jahnz.

A medida por parte das autoridades gregas chegou dentro da crise co Goberno de Turquía. O 28 de febreiro, despois da morte en Siria de 34 soldados turcos, Ankara decidiu que non frearía máis os refuxiados que se quixesen dirixir cara a Europa. A policía grega, amparada pola Comisión Europea, recibiunos con golpes e gases lacrimóxenos.

Moitos quedaron atrapados en Pazarkule, un dos dous pasos fronteirizos greco-turcos, onde se instalaron formando un campamento improvisado. Nos últimos días, Turquía comezou a desaloxalos do mesmo modo en que facilitara a súa chegada até alí: en autobuses. Detrás, as forzas de seguridade turcas prendían lume ás tendas de campaña.

Segundo informou a axencia oficial de noticias turca Anadolu, as autoridades trasladáronos a centros de acollida onde pasarán unha corentena antes de seren levados a outras rexións de Turquía. A ameaza do contaxio do coronavirus fíxose presente en Pazarkule. Como presente está nos campamentos de refuxiados ao outro lado da fronteira.

Primeiro positivo

Grecia conta con varios campos tanto no continente como nas illas. Terra a dentro, no de Ritsona, detectouse o primeiro caso da COVID-19 nun campo de refuxiados. Trátase dunha muller de orixe africana que fora trasladada a Atenas (a menos dunha hora en coche) para dar a luz.

As organizacións humanitarias e os profesionais médicos levan varias semanas mostrando o seu temor a que se produza un brote de coronavirus en calquera dos campamentos de refuxiados que existen no mundo. Aquí residen as comunidades máis vulnerábeis ante esta crise dado o acceso limitado ás medidas de prevención (por exemplo, o xabón) e de coidados sanitarios.

Na nosa casa europea, os cinco das illas gregas (en Lesbos, Samos, Quíos, Leros e Kos), que acollen case unhas 40.000 persoas, son os que presentan un risco inminente, cun prognóstico devastador en caso de que a enfermidade prenda. No de Moria, deseñado para acoller 3.000, calcúlase que se amorean actualmente máis de 25.000.

Estaba previsto que esta semana 1.600 menores non acompañados fosen acollidos por varios países membros da UE. Un compromiso ao que se chegara antes da situación actual de emerxencia. Organizacións humanitarias como a alemá Mission Lifeline informaron nesta terza feira de que lograran reunir fondos para alugar avións chárter. Porén, a pandemia pode complicar a súa saída.

Nunha entrevista para Deutsche Welle, o experto en migracións e presidente fundador da Iniciativa para a Estabilidade Europea (ESI, nas siglas en inglés), Gerald Knaus, sinalou que non se pode adiar máis o traslado ao continente, non só dos menores acompañados ou en familia, senón de todas as persoas actualmente refuxiadas nas illas. 

A Eurocámara debate nesta quinta feira a situación

O Parlamento Europeo, coa presenza de representantes do Goberno grego, da Comisión e da axencia de control de fronteiras (Frontex), ten previsto manter nesta quinta feira un debate telemático sobre a situación na fronteira grecoturca ante a preocupación polas condicións de vida nos campamentos de refuxiados no medio da actual pandemia.

"Se a UE non toma medidas inmediatas, a situación nas illas gregas volverase inmanexábel co risco de que se produzan moitas mortes. É imposíbel o distanciamento social", advertiu a Comisión de Liberdades (LIBE) nunha carta enviada a semana pasada ao comisario de Xestión de Crise, Janez Lenarcic.

Varios grupos do arco parlamentario da esquerda solicitaron nos últimos días á UE e a Grecia que se actúe con humanidade e solidariedade e que se poña fin á violencia nas fronteiras; tamén, o desbloqueo dos pasos e o reinicio do acceso aos procedementos de asilo.

comentarios