Catalunya valora o confinamento domiciliario na fin de semana

O Govern non descarta ditar o confinamento domiciliario nas fins de semana para facer fronte ao virus. 
Amencer nas Ramblas (Barcelona) o primeiro día após o recoller obrigatorio (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Amencer nas Ramblas (Barcelona) o primeiro día após o recoller obrigatorio (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

A Generalitat de Catalunya está a estudar o estabelecemento dun confinamento domiciliario nas fins de semana. Así o anunciou esta segunda feira, 26 de outubro, a conselleira da Presidencia, Meritxell Budó, sinalando que son nas sextas feiras, sábados e domingos cando máis interacción social hai.

A portavoz do Govern asegurou que nestes momentos os datos son "malos e preocupantes" e por iso non escondeu que o confinamento durante a fin de semana é un "escenario contemplado".

"Debemos evitar o confinamento de marzo a non ser que sexa estritamente necesario. Por iso temos que explorar diferentes escenarios e un deles podería ser este", dixo.

O estado de alarma curto para os autogobernos

A Generalitat criticou que o novo decreto de estado de alarma "queda curto" porque é "insuficiente" para facer aquilo que o Govern estudou levar a cabo en caso de que a situación epidemiolóxica se agrave.

"Entendéramos que este decreto nos permitiría ser autoridade competente e poder tomar todas as decisións que cremos oportunas e non é exactamente así", lamentou Budó, pondo como exemplo que o Govern non podería decretar a obrigatoriedade do teletraballo nin decidir medidas de confinamento domiciliario, xa que, neses casos, engadiu, precisaríase permiso do Tribunal Superior ou da Moncloa. 

Comentarios