CONCRETADA A DATA DO REFERENDO, FICA DESBLOQUEDA A INVESTIDURA DE MAS

CIU e ERC pactan celebrar o referendo en outubro de 2014

Outubro de 2014 é a data para realizar a consulta que convertería Catalunya en nación soberana.
Catalunya
photo_camera Manifestación da Diada

Segundo recolle a portada de El Periódico, CIU aceptaría realizar a consulta soberanista en outubro de 2014, asegurando desta maneira Mas o apoio para a súa investidura.  O presidente en funcións da Generalitat  e candidato á reelección, Artur Mas, asegurou perante o Parlamento catalán que convocará un referendo sobre a independencia de Cataluña aínda que o goberno central non o autorice.

Após esta aseveración, CiU e ERC anunciaron esta tarde que pecharan unha proposta de resolución conxunta que será votada no pleno do debate de política xeral. Nesta proposta precísase o compromiso de "consultar", durante a lexislatura que agora comeza, ao pobo catalán a posibilidade de Cataluña se constituír como Estado propio. "A consulta debe producirse en calquera caso. Se pode ser pola vía do referendo, mellor. Mais se o goberno dá as costas e non o autoriza, debe facerse igual" asegurou Mas.

Diversas fontas explicaron que durante a negociación ERC presionou para acoutar a data do referendo, barallando a idea de o convocar en 2014, ano cargado de simbolismo porque se farán 300 anos da caída de Barcelona baixo as tropas de Felipe V na Guerra de Sucesión. No entanto, CiU móstrase máis cauta e prefire non caer en demasiada concreción sobre os ritmos do proceso, porque podería condicionar a capacidade de manobra da Generalitat no horizonte que agora se abre.

Sexa como for, o camiño para a consulta fica aberto e Catalunya dá os primeiros pasos cara a súa constitución en Estado soberano.

Comentarios