Catalunya reclama ao Estado o traspaso de 56 competencias

As delegacións do Goberno catalán e estatal reuníronse para reactivar o traspaso de competencias na comisión bilateral, un órgano creado en 2006 polo Estatut de Catalunya que non se xuntaba desde 2018. A Generalitat solicitou 56 competencias e reclamou a xestión descentralizada dos fondos europeos.
Xuntanza da comisión bilateral Estado-Catalunya decorrida onte. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Xuntanza da comisión bilateral Estado-Catalunya (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

Tres anos despois da última reunión da comisión bilateral entre Catalunya e Estado, as partes volveron esta segunda feira, 2 de agosto, á mesa de traballo, onde a delegación da Generalitat propuxo a creación dun calendario de traballo para afrontar o traspaso de 56 competencias pendentes, amais dalgunhas que o Govern reclama hai tempo, como a xestión do Porto de Barcelona e do Aeroporto do Prat de Llobregat (Barcelonès).

Esta xuntanza, acordada en xuño por Pedro Sánchez, presidente estatal, e Pere Aragonés, presidente de Catalunya, tivo como obxectivo abordar as cuestións relativas as competencias e non forma parte da mesa de diálogo bilateral -que se retomará en setembro, ano e medio despois da última reunión-, mais vai na liña marcada por ámbalas dúas administracións de normalizar o diálogo.

O Govern advertira os días previos a medios cataláns que nesta reunión non agardaba que se puideran resolver de maneira inmediata estas cuestións, tendo en conta que a meirande parte destes traspasos terán que pasar os filtros da Comisión de Transferencias, da de Asuntos Económicos e Fiscais, e de Infraestruturas; mais premeu para acadar un calendario de traballo a partir de outubro para desbloquear o traspaso, semellante o programado polo Estado con Euskadi, que prevé completar nesta lexislatura estatal as competencias que lle atribúe o Estatuto de Gernika.

Lei catalá de alugueiro

Ademais das competencias pendentes en temas sociais e económicos, na xuntanza abordouse a retirada do recurso do Goberno estatal no Tribunal Constitucional contra a norma catalá de alugueiro, que inclúe medidas como a limitación dos prezos do alugueiro en zonas de gran presión inmobiliaria.

A Generalitat tamén solicitou na comisión bilateral que o Estado asuma a débeda de 3.800 millóns de euros por non cumprir os acordos de inversión en infraestruturas en Catalunya, así como que a protección do catalán forme parte do novo proxecto de lei estatal do audiovisual.

O Govern propón unha xestión descentralizada dos fondos europeos

A delegación catalá na comisión territorial, encabezada pola conselleira de Presidencia, Laura Vilagrà, sostivo que a xestión dos fondos europeos para a recuperación da situación provocada pola pandemia da Covid-19 ten que ser descentralizada, ben que o Estado español se negou a incluír na orde do día o debate sobre os fondos europeos, co argumento de que esta cuestión fora tratada na conferencia de presidentes territoriais da pasada sexta feira, na que o Goberno do Estado anunciou que 10.500 millóns de euros dos fondos europeos serán transferidos ás comunidades autónomas, o 55% dos fondos que se recibirán neste ano.

O presidente catalán, Pere Aragonès, que xa fixera público que non asistiría á reunión, estivo a sexta feira en Xenebra (Suíza) xunto coa secretaria xeral de ERC, a exiliada Marta Rovira.

Comentarios