Independencia

Catalunya ás portas do referendo

Catalunya encara a recta final do seu procés soberanista. O domingo 1 de outubro as catalás e os cataláns están chamados ás urnas para participar nun referendo de autodeterminación. Do seu resultado poderá nacer, se así o determina a vontade democrática, a República catalá. Eis un extracto da información publicada no número 266 de Sermos Galiza.

cat01_vilaweb
photo_camera [Imaxe: Vilaweb]

Cando restan poucos días para o referendo de autodeterminación do 1 de outubro, analizamos a situación con dúas galegas e dous galegos que viven e traballan en Catalunya. Cos seus testemuños radiografamos desde abaixo, a pé de rúa, como enfronta a comunidade galega o referendo do 1-O, que estado de ánimo social perciben e que cren que pasará o domingo e, tamén, o día despois.

6Alexandre ten 27 anos, traballa como enxeñeiro electrónico nunha importante factoría da automoción en Martorell e leva afincando en Catalunya pouco máis dun ano. Para el o procés e o referendo están a lograr que “a xente sexa moito máis consciente do peso político que ten, faise consciente do que importan e de que poden mudar as cousas”. Dío con certa envexa, recoñecendo que como galego lle gustaría que ese empoderamento popular “se espallase por outras nacións oprimidas”. “Como Galiza”, acrecenta. Iolanda leva 24 dos seus 47 anos residindo en Catalunya, onde traballa como carteira. “A Catalunya sempre din que a estiman non porque sexa a mellor nación, senón porque é a súa. O referendo vén a ser a resposta a un clamor moi sentido”, explica. Unha opinión que comparte Silvio, de 28 anos. Este profesor asociado na Universidade de Barcelona logo de levar literalmente máis de media vida alá, salienta que “a reivindicación do dereito a decidir, ademais de maioritaria, foi sostida no tempo”. “O que quere unha ampla maioría é tomar unha decisión democrática como pobo”, explica. Un proceso que xulga será beneficioso “para toda a xente que vivimos en Catalunya” e que lles brinda a oportunidade de se converteren en “cidadanía fundacional da República catalá”. A de Nerea é tamén unha opinión positiva. Esta moza de 24 anos, que traballa desde pouco máis dun ano como técnica de apoio á investigación en Blanes, valora que “calquera ferramenta que desprace o poder de decisión cara á cidadanía é sempre positiva”.

[Podes ler a información íntegra no número 265 de Sermos Galiza, á venda na nosa loxa e nos quiosques]

Comentarios