Catalunya pon o feche mentres Ayuso segue remendando

Catalunya estará baixo confinamento perimetral desde a sexta feira, 30 de outubro, até dentro de 15 días, mentres que a Comunidade de Madrid opta por fecharse só nas pontes, algo que o estado de alarma non permite -os fechamentos deben ser, como mínimo, de 7 días-.

O Govern fecha os centros comerciais (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera O Govern fecha os centros comerciais (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

A situación é "extremadamente grave e crítica", valorou o vicepresident da Generalitat con funcións de Presidencia, Pere Aragonès, ao tempo que anunciaba novas restricións que inclúen o confinamento perimetral de Catalunya durante 15 días e o fechamento de todos os concellos nas fins de semana. É necesario un "paro social", dixo o republicano, que anunciou novas axudas para compensar os sectores afectados polas restricións.

Mentres isto sucedía, a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, anunciaba o feche de Madrid só durante as pontes de novembro, algo que o decreto de alarma non permite, xa que estabelece que os confinamentos deben ser mínimo de 7 días.

A Galiza, Valencia, Estremadura e as Illas Canarias e Balears son as únicas comunidades que non pediron o fechamento perimetral,permitindo a libre circulación entre os seus territorios após o resto de comunidades decretar o cerre perimetral dos seus territorios para limitar os movementos nestes días e así evitar a propagación do coronavirus.

O confinamento perimetral xa está en vigor desde esta quinta feira, 29 de outubro, en Euskadi, Nafarroa, Aragón, A Rioxa e Asturies. Na sexta feira súmanse Andalucía, Castela e León, Castela – A Mancha, Cantabria, Murcia, Ceuta, Melilla, Catalunya e, por días, a Comunidade de Madrid.

Comentarios