mércores 05/08/20

Catalunya irá ás urnas se Torra non continúa na Presidencia

"Haberá eleccións", augurou o president da Generalitat de Catalunya, Quim Torra, de o Tribunal Supremo optar finalmente por inhabilitalo como mandatario e sempre que o Parlament acate tal sentenza.   
 
O President da Generalitat visitou onte Tarragona após a tráxica explosión nunha petroquímica (Imaxe Europa Press)
O President da Generalitat visitou onte Tarragona após a tráxica explosión nunha petroquímica (Imaxe Europa Press)

O president catalán, Quim Torra, confía en que a Cámara catalá rexeite unha posíbel resolución da alta xudicatura española que opte, finalmente, por invalidalo. Así o aseverou no día de onte nunha entrevista na emisora radiofónica en lingua catalá Ràdio 4. 

De feito, a Mesa do Parlament xa ratificou Torra como president e como deputado na terza feira, 14 de xaneiro, co apoio dos grupos independentistas e do PSC, logo de coñecer o informe das e dos letrados da Cámara onde sinalan que a declaración de incompatibilidade dun parlamentario non é unha competencia de órganos administrativos electorais, tales como a Xunta Electoral Central (XEC), que foi precisamente quen declarou vacante o escano de Torra.

O cerne do conflito atópase na condena a Torra por non retirar unha faixa con lazos amarelos da fachada da sede do Govern durante a campaña electoral. O Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya condenouno, e o Supremo está pendente de resolver a alegación formulada polo president. Aínda así, a XEC non respectou os tempos da xudicatura e deu a razón á solicitude apresentada nese órgano por PP, Cs e Vox para inhabilitar Torra de facto. 

Ante as críticas que mesmo desde o PSOE se formularon sobre a lexitimidade da XEC para inhabilitar Presidencias, este órgano administrativo matizou que só invalidaba o escano e non a súa condición de mandatario de Torra. Porén, o Estatut de Catalunya marca como condición que o president sexa electo de entre as persoas que conforman o Parlament. 

"En defensa da liberdade de expresión mantiven unha pancarta no Palau da Generalitat. En base a isto preténdese inhabilitar o president e eu o que reclamo é que se escoite ao Parlament de Catalunya". Desta maneira quixo Torra deixar claro que o seu futuro fica condicionado unicamente ao parecer da Cámara. 

Cimeira independentista

A sede da Generalitat acolleu na tarde de onte unha reunión entre o president Torra e as formacións independentistas Junts, ERC e a CUP na que tamén participaron o eurodeputado Toni Comín e representantes da ANC e Òmnium Cultural. 

O obxectivo da cimeira era definir a posición soberanista perante as negociacións entre o Govern e o Estado español ás que se comprometeu Pedro Sánchez no acordo de investidura asinado con Esquerra Republicana. Mais foi Torra quen apostou por realizar este encontro entre partidos e axentes sociais do independentismo, e anunciou precisamente a súa convocatoria no momento en que accedeu a participar da mesa de diálogo pactada entre PSOE e ERC. Autodeterminación, referendo, amnistía e a fin da represión son os elementos comúns que defenden as entidades participantes da cimeira e serán tamén cerne da proposta negociadora do Govern. 

Sexta feira, 17 de xaneiro, será ademais a Mesa de partidos cataláns na que tamén se procura a resolución do conflito político. Porén, e ao igual que nas reunións anteriores, non están PP, Cs, nin a CUP. 
 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

comentarios