Margallo: "Unha Catalunya independente ficaría excluída da UE polos séculos dos séculos"

A UE continúa a ser empregada como arma arreboladiza polo Goberno español no contencioso con Catalunya. Unha declaración de independencia "condenaría Catalunya a vagar polo espazo sen recoñecimento internacional", dixo esta segunda feira o chanceler español, José Manuel García-Margallo

Margallo
photo_camera O ministro dos exteriores español

O españolismo continúa coa súa campaña contra o movimento independentista en Catalunya. Ataca por distintas frontes. Esta mesma segunda feira, Francesc Carreras, profesor de Direito Constitucional, asinaba un artigo en El País sob o título de A UE e a secesión en Estados membros. Nel viña a defender a tese de que a UE debería adoptar o acordo de "non admitir no futuro nengún novo Estado escindido dun Estado membro da UE", algo que, de se facer, viría constituír "unha advertencia para posíbeis secesións que probabelmente frearían os desexos de fragmentar Estados en perxuízo da Unión".

Carreras acha que a chamada construción europea evoca o proceso de formación dos Estados Unidos de América e neste sentido resgata unha sentenza do Tribunal Supremo norteamericano, de 1869, en que se definía os EUA como "unha unión indestrutíbel composta de Estados indestrutíbeis" [unha expresión moi semellante á da "unidade indivisíbel do pobo español", empregue na Constitución española de 1978]. O modelo fixado polo Supremo dos EUA poucos anos após a conclusión da guerra civil norteamericana debe ser o modelo que se aplique en Europa, defende este intelectual españolista.

"A secesión é moi grave para España"

En termos moi semellante pronunciouse esta segunda feira o ministro dos Asuntos Exteriores español, José Manuel García-Margallo, durante un acto organizado por Nova Economía Fórum e no que estaba presente o viceprimeiro ministro de Georgia e ministro de Economía e Desenvolvimento Sustentábel, Giorgi Kvirikaixvili.

Margallo afirmou que unha declaración unilateral de independencia condenaría a Catalunya a "vagar polo espazo sen recoñecimento internacional". Advertiu o membro do Goberno español que ese escenario é xusto o contrario "da vocación de Catalunya de ser parte do espazo europeu".

"A secesión é moi grave para España, pero é especialmente grave para Catalunya, é hora de o dicer para saber cales son os riscos aos que están a submeter a unha populación que é esencialmente europea", dixo o ministro.

Comentarios