Catalunya confina todos os seus concellos durante 10 días

Varias comunidades autónomas estudan adiantar o recoller obrigatorio e ordenar o fechamento de grandes superficies comerciais para os vindeiros días ante o temor á terceira onda da pandemia e debido ao aumento dos contaxios no Estado, que notificou esta segunda feira, 4 de xaneiro, 30.579 novos casos e 241 mortes desde o día de finde ano.
Un Mosso d'Esquadra controla o acceso á A-2 dirección Barcelona en Lleida, Catalunya (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Un Mosso d'Esquadra controla o acceso á A-2 dirección Barcelona en Lleida, Catalunya (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

"10 días para parar o país", exclamou a conselleira catalá de Saúde, Alba Vergés, cando anunciaba a orde de confinar todos os municipios desde o 7 ao 18 de xaneiro, apelando ao obxectivo de "reducir aínda máis a interacción social" para frear a expansión do  coronavirus.

Coas novas medidas da Generalitat poderán abrir aqueles comercios cunha superficie de até 400 metros cadrados a un 30% da súa capacidade e as fins de semana só poderán abrir os estabelecementos de produtos esenciais.

Así pois, os centros comerciais permanecerán fechados todos os días. Os sectores da cultura e restauración mantéñense coas restricións actuais de capacidade e horarios limitados e, en canto á actividade deportiva, fecharán ximnasios, pavillóns e centros deportivos e só estará permitido o deporte ao ar libre, mentres que tamén se suspenden as actividades extraescolares.

"O virus non dá tregua e temos que frear a tendencia á alza", explicou a conselleira, subliñando que esta segunda feira, 4 de xaneiro, Catalunya rexistraba 2.500 contaxios diarios e máis de 17.000 á semana. 

En relación ao feito de que as medidas non entren en vigor até que finalice o feriado de Reis, a conselleira argumentou que o Govern  tenta buscar equilibrios e "dar ar" ás necesidades económicas dos sectores afectados no Nadal, como o comercial, e ás necesidades sociais que rodean a festividade de Reis.

A Generalitat non foi a única en anunciar un endurecemento das restricións antes de rematar o Nadal e varias comunidades están a estudar adiantar o recoller o obrigatorio e o fechamento de estabelecementos, segundo expuxeron esta segunda feira no Consello Interterritorial do Sistema de Saúde, que presidiu o ministro Salvador Illa.

De feito, Aragón incrementou as restricións á mobilidade e regresa á fase 3 con fechamento de todo estabelecemento non esencial ás 20 horas.

Murcia aprobou o fechamento da hostalaría a partir das 18 horas os días 5 e 6 de xaneiro e o confinamento de nove municipios.

En Castela e León prevese ampliar o fechamento da comunidade alén do 10 de xaneiro e manter o límite de reunión en seis persoas.

O Goberno de Madrid quere contar coa sanidade privada para vacinar

O Goberno rexional de Madrid abriu a porta á participación da sanidade privada na campaña de vacinación da Covid-19, ao seu conselleiro de Sanidade, Enrique Ruiz Escudero, afirmar que o obxectivo é "ir crecendo no número de persoas vacinadas" e que para iso utilizarán "todos os recursos necesarios para administrar as vacinas", xa sexan "públicos ou privados, segundo as necesidades que vaiamos requirindo".

Precisamente Madrid centra os focos polo atraso que arrastra na vacinación, pois esta segunda feira, 4 de xaneiro, só levaba aplicadas 6% das doses recibidas, ao non administrárense durante os días festivos e ao contar cun cadro insuficiente (46 equipos formados por dous profesionais da Enfermaría cada un, é dicir, 92 sanitarios en total para vacinar nas residencias de maiores). Aliás, a comunidade notificou 16 casos confirmados da nova cepa e 70 en estudo.

Comentarios