Catalunya celebra unha nova e multitudinaria Diada

O Consell per la República chama a "rematar o camiño iniciado en 2017", mentres desde Òmnium instan as forzas políticas a "pór fin ás súas leas internas".
Ofrenda floral a Rafael Casanova. (Foto: Lorena Sopena / Europa Press)
photo_camera Ofrenda floral a Rafael Casanova. (Foto: Lorena Sopena / Europa Press)

Máis un 11 de setembro a celebrar en Catalunya. Milleiros de persoas participan este sábado dos diferentes actos convocados polo movemento soberanista, nunha xornada que comezou coa tradicional ofrenda floral a Rafael de Casanova, diante do monumento que lembra a súa figura en Barcelona.

A este evento acudiron as principais forzas políticas, como Laura Borràs (Junts), lembrou o 90º aniversario do Parlament de Catalunya: "Neste ano, e tamén ás portas do 5º aniversario do 1 de outubro, é importante recuperar o 11 de setembro como un tempo de loita, de reivindicación e de esperanza", dixo.

Pola súa parte, Marta Vilalta, de Esquerra, chamou a "pór fin as disputas entre as forzas independentistas" e a "non confundir o inimigo" na loita independentista, a fin de "non debilitar o movemento".

Desde a CUP, Xavier Pellicer instou o Govern a "abandonar a axenda do reencontro, a da estabilización e a da patronal" co Goberno estatal. "Hai que traballar polas necesidades de Catalunya nun momento de crise gravísimo", precisou.

A Diada, a ollos de Salvador Illa (PSC), debe tornar nun "día do respecto". O socialista puxo en valor "a sociedade catalá acolledora, que suma e incorpora diferentes maneiras de pensar", ao tempo que chamou o Govern a "gobernar" e non "loitar".

Un manifestante independentista, este 11 de setembro, en Barcelona. (Foto: Matthias Oesterle / ZUMA Press)
Un manifestante independentista, este 11 de setembro, en Barcelona. (Foto: Matthias Oesterle / ZUMA Press)

Jaume Asens, de En Comú Podem, urxiu a fin da "xudicialización" do procés: "Que non haxa máis políticos ameazados coa prisión e que esta sexa a última Diada con dirixentes políticos que non poden voltar ás súas casas".

Así as cousas, desde o Consell per la República, da man do seu portavoz, Guillem Fuster, instou a "culminar" o proceso iniciado o Primeiro de Outubro: "O que comezou en 2017 non rematou. Toca facelo".

O BNG apoia o dereito a decidir do pobo catalán nesta Diada

Ciudadanos, Vox e PP ausentáronse desta ofrenda, á que si asistiron desde a Galiza, porén, representantes do Bloque como Rubén Cela ou a eurodeputada Ana Miranda. "O BNG continúa reforzando os lazos co movemento soberanista catalán e amosan o seu apoio ás distintas formacións soberanistas de esquerda que defenden o dereito a decidir do pobo catalán", defenderon as nacionalistas.

Òmnium

Posteriormente decorreu o acto convocado por Òmnium Cultural, no que o seu presidente, Xavier Antich, criticou as "leas internas" do independentismo e reclamou o "regreso das mobilizacións na rúa".

"Non hai estratexia compartida nin obxectivo común", lamentou, ao tempo que instou a recuperar a unión de 2017, cando "Catalunya logrou unha acumulación de poder como nunca antes nos últimos 300 anos", nun movemento do que participaron "axentes moi transversais".

Manifestación da ANC

Ás 17.14 horas, en homenaxe a aquel ano sinalado da memoria catalá, partirá en Barcelona a manifestación convocada pola Assemblea Nacional Catalana (ANC), na que se espera a participación de milleiros de persoas.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios