ANÁLISE

Catalunya após as eleccións

O 21-D o españolismo recibiu unha baño de democracia. O independentismo logrou derrotar nas urnas impostas por Rajoy a aplicación do artigo 155, relexitimar o Govern destituído por Madrid e ratificar os resultados do referendo do 1-O. Agora, JpC, ERC e CUP deben atinxir un novo acordo que permita verificar na práctica a maioría independentista no Parlament. Quen ocupará a presidencia da Generalitat é, máis unha vez, a cuestión central. Eis un extracto da análise publicada no Sermos Galiza 278.

puigdemont

internacionalO futuro de Catalunya discútese entre o exilio e a prisión. No primeiro, o president Carles Puigdemont reclama desde Bruxelas a súa reelección co aval do excepcional resultado colleitado pola súa candidatura, Junts per Catalunya (JpC), e a anovada maioría independentista no Parlament. Na prisión de Estremera mora, desde hai máis de dous meses, a alternativa natural no caso de Puigdemont non poder ser investido, Oriol Junqueras.

Quen será o novo preresident da Generalitat é a cuestión central que paira sobre as negociacións iniciadas entre JpC e ERC, e ás que se terá de sumar no futuro inmediato as CUP. Unhas conversas contrarreloxo, toda vez o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, facendo uso das potestades que se auto outorgou coa aplicación do artigo 155 da Constitución española, vén de decidir que o novo Parlament se constitúa o 17 de xaneiro. Desta maneira, o último día deste mes terá que realizarse a sesión de investidura.

Quen será President?

“Presidente da Generalitat, xa temos. O resultado das eleccións é moi claro. Pareceríame deshonesto mudar o noso discurso unha semana despois das eleccións. A nosa proposta pasa pola continuación de Puigdemont e por que o vicepresidente se manteña no cargo. Non temos vontade de propoñer ninguén máis que Junqueras como vicepresidente”. As declaracións son de Elsa Artadi, xefa de campaña de JpC, e nelas deixa patente a determinación da súa candidatura por asegurar a continuidade do último president en exercicio. A aposta de JpC é clara: restituír a institucionalidade lexítima de Catalunya que foi tronzada polo 155. Calquera opción alternativa a Puigdemont é, para os exconverxentes, unha aceptación do “marco mental do 155”. 

[Podes ler a análise íntegra no Sermos Galiza 278, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios