Castillo sitúa un marxista á fronte do Goberno peruano

Cariz esquerdista no Gabinete do novo presidente.
EuropaPress_3859293_handout_28_july_2021_peru_lima_francisco_sagasti_outgoing_interim_president
photo_camera Castillo, acompañado da súa muller, Lilia Paredes, na cuarta feira. (Foto: Juanpa Azabache / dpa)

"O noso gabinete é do pobo, débese ao pobo e vai cara a el. Non defraudaremos a súa confianza", afirmou o novo presidente do Perú, Pedro Castillo, no acto de xura dos seus ministros desenvolvido na noite da quinta feira (hora local) en Lima.

O Gabinete conta coa presenza de varios deputados, exdeputados e excandidatos presidenciais de partidos da esquerda. E cun nome especialmente polémico: o do novo primeiro ministro, Guido Bellido. Declarado marxista, está a ser investigado por un suposto delito de apoloxía do terrorismo tras defender publicamente varios membros do grupo Sendero Luminoso, organización considerada un "grupo terrorista" polas autoridades peruanas. 

O diario conservador El Comercio considerou a súa designación como unha "provocación mesquiña e irresponsábel" en tanto que para La República supuxo "un golpe baixo para quen, desde posicións progresistas, antifujimoristas e de centro político, deron respaldo a Castillo na segunda volta".

Tanto Bellido como o resto dos membros do Gabinete ministerial de Castillo deberán ser confirmados polo Congreso.

Entre o resto de nomeamentos destaca o do novo titular de Relacións Exteriores, Héctor Béjar, un avogado e doutor en socioloxía de 85 anos, que en 1962 ─tras coñecer o Che Guevara en Cuba─ fundou o Exército de Liberación Nacional, un grupo insurxente inspirado na Revolución Cubana.

Ademais, o cargo de ministro do Interior será ocupado por Juan Carrasco, un fiscal anticorrupción da provincia de Lambayeque, mentres que a carteira de Saúde estará en mans de Hernando Cevallos, médico, excongresista do partido esquerdista Fronte Ampla e desde hai semanas portavoz para temas de saúde de Castillo.

Ministerio das Culturas

Á fronte do renomeado Ministerio das Culturas, para responder ás diversidade milenaria do Perú, estará o poeta e cantautor Ciro Gálvez, que usa de maneira preeminente a lingua quechua nas súas composicións. 

"Nun país diverso como o noso necesítase un ministerio que recoñeza as diversas culturas e linguas vixentes, e execute políticas onde os propios pobos orixinarios participen na súa elaboración", manifestou na cuarta feira, durante a súa toma de posesión, Pedro Castillo.

Comentarios