Castela e León: o PP deixa a porta aberta á ultradereita e sectores do PSOE piden facilitar a investidura

As reaccións desde a Galiza: Ana Pontón (BNG) sostén que, "cando se branquea a extrema dereita, ten como consecuencia que se normaliza", mentres Luís Álvarez (PSdeG) recoñece que os socialistas "non cumpriron coas expectativas" e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, insta a "falar con todos, empezando polo PSOE".
Luis Tudanca (PSOE), Alfonso Fernández Mañueco (PP) e Juan García-Gallardo (Vox) (Fotos: Europa Press).
photo_camera Luis Tudanca (PSOE), Alfonso Fernández Mañueco (PP) e Juan García-Gallardo (Vox) (Fotos: Europa Press).

Tras a axustada vitoria nas eleccións deste domingo, o candidato á presidencia da Xunta de Castela e León e actual dirixente, Alfonso Fernández Mañueco, asegurou esta segunda feira que hai "varias posibilidades" para formar Goberno. Dado que o PP obtivo 31 escanos, Fernández Mañueco precisa doutros dez para a súa investidura. Neste novo escenario a ultradereita, con trece procuradores, emerxe como aliada dos populares, algo que o actual presidente eludiu valorar: "Creo que, nestes intres, o que nos pediu a xente de Castela e León é que falemos dos seus problemas, non da repartición de sillóns".

Outra alternativa, sumar coas forzas localistas —UPL, tres escanos; Soria YA!, tres, e Por Ávila, un—, resulta insuficiente para alcanzar a maioría na Cámara. Fernández Mañueco si rexeitou pactar con estas agrupacións: "Os partidos locais, alén de xeraren moitas cuestións territoriais e outras reflexións nas que cumpriría entrar en profundidade, son unha opción complicada a curto prazo de cara á investidura", dixo, nunha entrevista concedida á Cadea COPE.

Tamén desde Soria YA! amosan reticencias a apoiar un acordo de investidura co PP no caso de que Vox estivese incluído na proposta para formar Goberno: "Vox comezou a campaña ignorando Soria YA!, logo insultouna gravemente e o seguinte foi rexeitar un dos seus eixos fundamentais, a fiscalidade diferenciada", sostivo, en declaracións á Cadea SER, o cabeza de lista da formación, Ángel Ceña.

Con todo, negou que vaia impor "liñas vermellas a ninguén" para formar Goberno. O importante, sexa como for, é que os partidos políticos se impliquen coas demandas de Soria: "Tanto PP como PSOE compartían connosco boa parte do programa, o único que teñen que facer é cumprilo", apuntou.

O PSOE, con 28 escanos, podería facilitar a investidura de Fernández Mañueco cunha abstención, unha postura que esta segunda feira defendeu publicamente o alcalde de Valladolid, o socialista Óscar Puente, alegando que o seu partido "non pode" facer un discurso sobre o "perigo" da formación de ultradereita e "logo permitir que entre no Goberno".

De feito, a dirección estatal do PP defende un Goberno monocolor. Se Vox o bloquea, "terá que responder dos seus actos", precisou o secretario xeral da formación conservadora, Teodoro García Egea. Porén, Fernández Mañueco incidiu en que a decisión corresponderá "ao PP de Castela e León", e non á Executiva que dirixe Pablo Casado.

Pola súa parte, desde Unidas Podemos e Ciudadanos —un escano obtivo por Valladolid para cada partido— analizan os resultados desde unha perspectiva negativa e convidan a facer "autocrítica", mentres as tres forzas localistas con representación celebran os históricos resultados, que lles permitirán ter un maior peso na política castelán-leonesa.

Tamén convida á reflexión Coalición polo Bierzo (CB), que este domingo empeorou os resultados de 2019 e ficou con 1,11% dos apoios na circunscrición de León. "Tras unha campaña reivindicativa e acertada, non puidemos traducir o voto municipal, onde CB é a forza política no Bierzo, ao voto autonómico. O chamado 'voto útil' volveu prexudicar a obtención dun procurador bercianista, un 'voto útil' que nos leva a obter o de sempre", manifestou a formación, a través dun comunicado.

As reaccións desde a Galiza

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, valorou esta segunda feira os comicios de Castela e León e advertiu que "branquear a extrema dereita ten como consecuencia que se normaliza". Tamén amosou a súa "preocupación" polo "retroceso das forzas progresistas".

Pola súa parte, o portavoz socialista no Parlamento galego, Luís Álvarez, sinalou que o PP "errou" ao adelantar unhas eleccións nas que, recoñeceu, "o PSOE non cumpriu coas expectativas". "A verdadeira traxedia é a irrupción dun partido que quere estar no Goberno dunha comunidade autónoma mais nega o Estado das autonomías e ten unha postura antieuropeísta", advertiu.

Desde a bancada popular, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, parabenizou Fernández Mañueco após coñecer o resultado: "Os castelán-leoneses falaron e elixiron a xestión e a experiencia que só ofrece o Partido Popular". Aliás, esta segunda feira o líder do PP da Galiza instou a "falar con todos, empezando polo PSOE", e apuntou que a "incógnita" é se os socialistas se absterán.

Comentarios