Case 2 millóns de persoas afectadas polo ciclón Idai

UNICEF advirte de milleiros de vidas en perigo polas fortes chuvias que están a provocar unha destrución masiva en Malaui, Mozambique e Cimbabue. Son 1,7 millóns as persoas damnificadas.

[Imaxe: UNICEF] Mozambique foi un dos países máis devastados
photo_camera [Imaxe: UNICEF] Mozambique foi un dos países máis devastados

UNICEF cifra en 1,7 millóns as persoas afectadas polo ciclón Idai, das que case a metade son crianzas. E é que as chuvias provocaron unha destrución masiva. A directora executiva do organismo, Henrietta Fore, cualifica a situación sobre o terreo como “desesperada” e declara que segue a ser crítica.

Segue sen haber electricidade nin auga corrente e centos de milleiros de crianzas precisan de axuda inmediata. “A prioridade agora mesmo é proporcionarlles refuxio, alimento, auga, educación e protección”, sinala a directora executiva.

Nalgunhas zonas a chuvia foi tan extrema que a xente non puido atopar terreos coa altura suficiente polas que fuxir das inundacións e viuse na obriga de ficar en teitos e árbores durante horas. Auga segura e potábel, alimentos e refuxio son as necesidades máis perentorias, pois hai centos de miles de persoas agrupadas en campos informais e improvisados.

Por países

Segundo informa UNICEF, en Malaui, milleiros de familias víronse na obriga de fuxir dos seus fogares e carecen de subministros básicos. Escolas, igrexas e edificios públicos fan de refuxios improvisados.

En Cimbabue son 250.000 as persoas que precisan de axuda humanitaria. Destas, 125.000 son nenas e nenos. Trátase de cifras provisionais dada a inaccesibilidade de zonas afectadas.

En Mozambique o maior problema radica na falta de auga potábel e de acceso á hixiene e ao saneamento. A poboación corre o risco de contraer doenzas como a diarrea, a tofoidea e o cólera.

UNICEF cifra en 23,3 millóns de dólares a cantidade necesaria para apoiar a resposta de emerxencia nos tres países afectados.

Comentarios