En disputa con Albert Rivera

Casado subliña o seu perfil dereitista cun ataque á inmigración

O discurso de Albert Casado conecta coa retórica da Frente Nacional francesa ou de Matteo Salvini, o vicepresidente e ministro de Interior italiano. Co que non conecta é cos datos. No Estado español hai hoxe menos populación inmigrante que en 2010. Na Galiza a populación de orixe estranxeira representa apenas 3,74 por cento do total.

pablo casado PP

O xiro á dereita do PP —co conseguinte abandono das posicións centristas— comeza a ser moi perceptíbel en cada declaración do seu novo líder, Pablo Casado. A foco da pelexa non é tanto o Goberno PSOE como Ciudadanos e a loita por ser hexemónico no campo conservador. Casado e a súa equipa entenden que ese combate só se pode gañar inflamando a súa retórica. Así, de paso, tamén deixarían sen espazo á ultradereita de Vox, a quen algún traballos demoscópicos sitúan xa cun escano —por Madrid— no Congreso dos Deputados.

"Non é posíbel que haxa papeis para todos", afirma Casado na súa conta twitter, unha mensaxe xenófoba que, alén do máis, pon o foco na populación africana (que, segundo as estatísticas, non é o grupo demográfico maioritario na inmigración que recebe o estado español): "nin é sostíbel un estado de benestar que poda absorber os millóns de africanos que queren vir a Europa". "Temos que dicilo, aínda que sexa politicamente incorrecto", escribe Casado, consciente de que acaba de cruzar unha liña vermella que o seu antecesor no cargo, Mariano Raxoi, nunca ultrapasou.

Casado libra estes días un duelo sobre este asunto con Albert Rivera. O líder de Cs deixou dito días atrás que "se queremos unha Europa sen fronteiras internas hai que protexer as externas". E anunciou para esta segunda feira unha viaxe ao valado de Ceuta e á pasaxe fronteiriza, con encontro incluído con mandos da Garda Civil e a Policía Nacional. Sen importarlle que o acusen de seguidista, Casado fará o propio nas próximas horas.

Rivera á marxe, Casado tamén lanzou críticas á Moncloa, a quen atribuíu responsabilidades por un suposto "efecto chamada" decorrente da decisión de ter autorizado o atraque en porto español do Aquarius. A resposta da responsábel de Migracións, Consuelo Rumí, foi contundente: "Cando ouvín Casado, ouvía Aznar".

As estatísticas desautorizan as posicións xenófobas

En todo caso, as estatísticas disponíbeis desmenten a histeria anti-inmigración de Casado e Rivera. De feito, no estado español hai hoxe menos populación estranxeira do que en 2010 (5.947.106 face 6.280.065). A percentaxe sobre o total é de 12,75 por cento. Na Galiza, moito menos, apenas 3,74 por cento, segundo os dados do IGI correspondentes a 2011.

Existe ampla evidencia científica dos efectos positivos da recepción inmigrantes no desenvolvimento dos países, nomeadamente aqueles que, como Galiza, sofren un gallopante declive demográfico.

Comentarios