Cara á investidura

Casado e Rivera confirman o non a Sánchez

O único aspirante a presidir o goberno central, Pedro Sánchez, reuniuse por separado co líder do PP e de Ciudadanos, Pablo Casado e Albert Rivera. O popular trasladoulle que o seu partido nin o apoiará nin se absterá en segunda votación para facilitarlle a investidura. Rivera trasladou o seu rexeitamento e emprazouno a pactar con Podemos e as formacións nacionalistas.  

casado sanchez rivera
photo_camera Sánchez, Casado e Rivera

O único aspirante polo de agora á presidencia do Estado é Pedro Sánchez, ademais de ser o encargado polo rei español para formar goberno. De cara á investidura Sánchez mantivo reunións cos máximos líderes de Ciudadanos e PP, quen lle explicitaron que con eles non conte para acceder ao goberno. Horas antes de xuntarse coas forzas da dereita mantivo a súa primeira reunión con Pablo Iglesias e xuntos acordaron procurar unha fórmula de goberno “integrador, plural e incluínte”, termos que nos poden situar ante o primeiro goberno con ministras e ministros de máis dun partido por primeira vez no réxime do 78.

Pablo Casado trasladou ao presidente do goberno do Estado en funcións que o Partido Popular non apoiará nin se absterá nunha segunda votación

Pola súa banda, Pablo Casado trasladou ao presidente do goberno do Estado en funcións que o Partido Popular non apoiará e tampouco se absterá nunha segunda votación que facilite a investidura de Sánchez. Desta forma trasladouno o propio Casado nunha rolda de prensa no Congreso dos Deputados en que informou sobre a reunión que durante unha hora mantivo con Pedro Sánchez.

Catalunya tamén estivo presente no encontro e Casado aproveitou para expor a Sánchez a súa vontade de explorar a aplicación de outras medidas máis alá do artigo 155 para forzar que na Catalunya se cumpra coa “orde constitucional”.

Ciudadanos non apoiará a Sánchez

Albert Rivera tamén se reuniu con Pedro Sánchez no Congreso dos Deputados e reiteroulle que non terá o apoio do seu partido, ao tempo que lle anunciou que desde “a lealdade con España e os españois” apoiarán o goberno central no “grandes acordos de Estado”.

"Votaremos non á investidura e imos estar na oposición", afirmou Rivera

"Votaremos non á investidura e imos estar na oposición", afirmou Rivera na rolda de prensa posterior á reunión que durou en torno aos 40 minutos. O líder do partido laranxa instou ademais o candidato do PSOE a alcanzar acordo de goberno co que Rivera considera “o seu socio natural”, en referencia a Unidas Podemos “ou cos seus socios nacionalistas”, aseverou.

Contra os nacionalismos

Rivera reivindicouse “firme” ante o que considera “posíbeis cesións ou privilexios" para os partidos independentistas e nacionalistas.

Rivera anunciou na rolda de prensa que se enfrontará “firme” ao que el considera “posíbeis cesións ou privilexios" para os partidos independentistas e nacionalistas.

Rivera tamén solicitou a Sánchez que o Partido Socialista Navarro permita gobernar a coalición Navarra Suma (formada por UPN, PP e Ciudadanos) fronte a un goberno que dependa do nacionalismo de Geroa Bai e Bildu.

Comentarios