A Casa Branca garantiu protección aos asaltantes do Capitolio o 6 de xaneiro

O ex xefe de gabinete de Donald Trump atópase en desacato criminal após a decisión do Congreso dos EUA, o que envía os cargos ao Departamento de Xustiza. A súa información amosa como garantiron protección aos asaltantes un día antes dos disturbios.
Simpatizantes de Donald Trump asaltan o Capitolio dos Estados Unidos o pasado 6 de xaneiro para evitar a proclamación de Biden. (Foto: Lev Radin / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Simpatizantes de Donald Trump asaltan o Capitolio dos EUA o 6 de xaneiro para evitar a proclamación de Biden. (Foto: Lev Radin / Zuma Press)

O 6 de xaneiro de 2021, o daquela presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, interveu nunha mobilización no parque da Elipse, en Washington D.C., clamando unha vez máis que a vitoria electoral de Joe Biden foi unha fraude e que “viñemos a exixir ao Congreso que faga o correcto”. “Loitemos como no inferno, e se non loitas como no inferno xa non imos ter un país”.

As e os seus seguidores responderon asaltando o edificio do Congreso -Capitolio- e obrigando a suspender a sesión conxunta da Cámara de Representantes e do Senado, que certificaba o resultado das eleccións do 3 de novembro de 2020 que outorgaron a Presidencia ao demócrata. O asalto provocou cinco mortes (catro asaltantes e un policía).

Apenas un día antes, o xefe de gabinete do Executivo de Donald Trump, Mark Meadows, escribía un correo electrónico a unha persoa non identificada na que garantía que a Garda Nacional estaría “presente para protexer a xente pro Trump, e outros máis estarán dispoñíbeis á espera”, desvelou a comisión de investigación do asalto da Cámara de Representantes.

No esforzo por reverter o resultado das presidenciais, Meadows estivo en contacto con congresistas e organizadores das protestas nos días previos, como demostran as 6.600 páxinas de rexistros e 2.000 mensaxes de texto que entregou ás autoridades, antes de negarse a continuar cooperando coa investigación e non aparecer a semana pasada na declaración para a que fora citado.

Desacato criminal

Isto levou a que o pleno da Cámara aprobara a terza feira declaralo en “desacato criminal” por negarse a declarar, con 222 votos a favor e 208 en contra, e co apoio de varios representantes do Partido Republicano, informa The New York Times.

O Servizo de Investigación do Congreso informou de que implica unha multa de 100.000 dólares -89.000 euros-, e ademais os cargos serán remitidos ao Departamento de Xustiza.

No transcurso da sesión, a republicana Liz Cheney fixo pública parte da correspondencia de Meadows o 6 de xaneiro pasado, unhas mensaxes que demostran como a Casa Branca coñecía en todo momento o que estaba a acontecer no Capitolio.

O coordinador do gabinete recibiu mensaxes pedindo que o presidente interviñera solicitando aos asaltantes que se retiraran do lugar, de parte do fillo de Trump, lexisladores e até de presentadores de Fox News, a cadea do conglomerado conservador Fox Corporation, que o apoiou durante o seu mandato.

“Mark, o presidente ten que dicir á xente do Capitolio que se vaia para casa. Isto está a prexudicarnos a todos. Está destruíndo o seu legado”, escribiulle a presentadora e comentarista política da canle, Laura Ingraham.

A voceira da Casa Branca, Jen Psaki, respondeu a decisión anunciando que o vindeiro 6 de xaneiro conmemorarán a data como “un dos días máis escuros” da democracia nos Estados Unidos.

Asemade, apuntou sobre as mensaxes que “non sorprende que algunhas das mesmas persoas que están dispostas a chorar, condenar e expresar horror polo que aconteceu, en privado teñan o atrevemento de difundir mentiras e conspiracións”.

Unha democracia cada vez máis cuestionada

Países como Rusia e a China incidiron nos últimos meses en que o asalto contra o Capitolio amosa o baixo nivel da democracia nos Estados Unidos, que multiplicou os seus esforzos para procurar lexitimidade nesta cuestión a nivel internacional e busca que a Xustiza aclare o acontecido.

Neste sentido, a cidade de Washington D.C. transmitiu que demandarán polo asalto os grupos paramilitares Proud Boys e Oath Keepers, próximos a Donald Trump.

Comentarios