Carga policial no centro de detención de Moria após unha revolta

Cando menos 15 menores resultaron feridos de acordo cos dados fornecidos polo goberno grego. A falta de información e as deportacións, no cerne do conflito. 

mpodil
photo_camera [Imaxe @mpodil]

O que aconteceu no interior do campo de detención para persoas refuxiadas de Moria esta terza feira (26 de abril) é difícil de saber. Estas instalacións foron transformadas nun espazo fechado e inaccesíbel para a imprensa desde a entrada en vigor do acordo asinado pola UE e Turquía o 20 de febreiro. 

Así as cousas, algunhas das persoas refuxiadas que se atopan detidas no interior de Moria (Lesbos) partillaron vídeos através das redes sociais após estourar unha revolta con motivo da visita do ministro de Migracións grego, Yannis Mouzalas, e do seu homólogo holandés, Klaas Dijkhof. Ambas as dúas autoridades atopábanse no módulo de menores que viaxan sen compaña a tensión pola falta de información xunto, supostamente, cunha agresión por parte da policía a un menor, axitaron o avespeiro no que se tornou este espazo. 

En Moria localízanse máis de 3 mil persoas que chegaron á costa grega após a entrada en vigor do acordo. O seu futuro é seren deportadas a Turquía. De facto, na terza feira foron expulsas 13 ás que, previsibelmente, se sumaron outras 12 na xornada de hoxe (27 de abril) de acordo cos dados fornecidos polo executivo heleno. 

Perante as protestas das persoas refuxiadas que chegaron a rachar o valado que separa o módulo de menores das persoas adultas e familias, a policía grega comezou a disparar gases lacrimóxenos. En total resultaron feridas "leves" 15 menores, segundo informou o ministro Yannis Mouzalas. Aliás, xornalitas deslocadas na contorna de Moria sinalaron que dúas ambulancias terían entrado e saído do centro de detención. 

A versión oficial é que houbo un "malentendido" porque as persoas detidas en Moria creron que se ía proceder á deportación dalgunhas delas após denegárenlles a solicitude de asilo. "A xente está ansiosa e frustrada por non saber o que lle vai pasar", dixo Boris Cheshirkov, voceiro de ACNUR en Lesbos en declaracións á axencia France Presse. 

"A xente está ansiosa e frustrada por non saber o que lle vai pasar", di o portavoz de ACNUR en Lesbos

Desde o goberno grego insisten en que os estados membros da UE dean cumprimento ao acordado e comecen a reasentar persoas refuxiadas nos seus territorios. Nestes meses, desde xullo de 2015, o Estado español só acolleu 18 persoas, todas elas procedentes de Italia. 

Nos últimos días o executivo en funcións asegurou que 200 máis procedentes de Grecia serán reubicadas "nos primeiros días de maio" xunto con outras 100 que fan parte do canxe acordado con Turquía. 

Comentarios