Capitalismo e curtopracismo: a receita que privou dunha vacina para a COVID-19

Especialistas en investigación dos EUA avanzaron en 2016 nunha vacina contra un coronavirus, após as dúas vagas epidémicas de 2002 e 2012, mais a falta de financiamento impediu que seguise avanzando nunha investigación que hoxe tería suposto un avance na busca da vacina para a COVID-19, segundo publica a BBC, que fala doutras experiencias similares.
2020042012225696626
photo_camera Laboratorios e hospitais traballan para combater o actual coronavirus (Europa Press)

O mundo viña recibindo advertencias do que podía supoñer unha pandemia como a da COVID-19, que leva 2,16 millóns de persoas infectadas a nivel global, máis da metade deles en Europa. O brote aparecido na provincia chinesa de Cantón en 2002 que foi denominado como SARS (síndrome respiratoria aguda severa, nas súas siglas en inglés) e, unha década máis tarde, a enfermidade coñecida como MERS (síndrome respiratorio de Medio Oriente) multiplicaron as buscas de vacinas a estes patóxenos, diante da letalidade dos brotes.

Entón, ante a presión por buscar unha cura, chegou a haber propostas candidatas listas para iniciar os ensaios clínicos. De feito, segundo recolle a BBC na súa publicación, un equipo científico de Houston, Texas, en Estados Unidos, dispuña en 2016 dunha posíbel vacina contra o SARS que provocou a epidemia de 2002.

O que ocorreu, segundo relatan as investigadoras, e que non lograron obter financiamento e quedou suspendida, como ocorreu con outras arredor do mundo, sempre co mesmo patrón: falta de mercado unha vez controlado o brote e, polo tanto, de financiamento, ante o desinterese de farmacéuticas e gobernos

Hoxe, existen ducias de vacinas para coronavirus, pero todas dirixidas aos brotes infecciosos en animais, dado que, como sinalan as forntes investigadoras, a prevención de enfermidades evita custos millonrios na industria avícola e gandeira. Hoxe sábese que as dúas epidemias anteriores procedía de enfermidades de orixe animal pero que pasaron ao ser humano, a mesma hipótese que se baralla na actual pandemia. 

O novo coronavirus é familia próxima do que iniciou a epidemia de 2002. As expertas contactadas pola BBC coinciden ao sinalar que de terse mantido o programa de investigación para SARS, hoxe a comunidade científica que traballa contrarreloxo estaría en mellor posición para conseguir unha vacina para a COVID-19, ao contar coa experiencia e coñecer os problemas das distintas probas, e gañaría un tempo que hoxe se amosa como fundamental para frear a propagación e a letalidade da epidemia. As probas até poder empregarse en seres humanos aínda demorarán meses o tratamento. 

 

   

Comentarios