Cantabria protexerá máis do 90% do seu territorio dos parques eólicos

O anuncio do presidente cántabro, Miguel Ángel Revilla, está relacionado co seu Plan Rexional de Ordenación do Territorio (PROT) e amparará os municipios contra o impacto no territorio e a paisaxe. 

Reunión veciñal no concello de Luena (Defensa Valles Pasiegos).
photo_camera Reunión veciñal no concello de Luena (Defensa Valles Pasiegos).

O Plan Rexional de Ordenación do Territorio (PROT) que está a elaborar o Goberno de Cantabria vetará a presenza de parques eólicos en máis do 90% do seu territorio. Anunciouno esta pasada cuarta feira o presidente cántabro, Miguel Ángel Revilla, durante un encontro coa Asociación para a Transición Enerxética (ATE).

"Estamos no comezo dunha polémica que vai durar", dixo o presidente rexional, quen afirmou na seu intervención que o Goberno de Cantabria "aposta" polas enerxías renovábeis e, entre elas, tamén pola eólica, aínda que advertiu que a implantación desta última na comunidade  vai ser "moi restritiva" e non se cometerá ningún "atropelo paisaxístico".

Protestas de varios colectivos

Numerosos colectivos, a maior parte de municipios cántabros onde hai proxectos para instalar parques eólicos, mantiveron unha forte oposición ao considerar inasumíbel o seu impacto no territorio e a paisaxe. 

As súas protestas estiveron presentes, tamén, no exterior das instalacións onde tiña lugar a xuntanza sobre este tema e na que Revilla realizou ese anuncio.

Eólicos si, mais en menor cantidade

Segundo Revilla, a menor presenza de parques eólicos non significa que non os teñas. Explicou que ten previsto que a súa instalación se realice naquelas zonas que se estabeleza como susceptíbeis de acollelos, nas que non se "erosionen" lugares "emblemáticos" e contando con "todos os controis" e todos os informes pertinentes.

Con esta intención, o Plan Rexional de Ordenación do Territorio ( PROT), actualmente en elaboración, vai establecer zonas de exclusión eólica, que, segundo dixo, van coñecer "moi pronto".

En todo caso, sinalou que "ten que habelos porque hai que ser solidarios" e non considera xusto que "que os poñan noutro sitio e aquí non", engadiu.

Comentarios