Cando se pode decidir: Londres autoriza o referendo de Escocia sobre a independencia

En outono de 2014 @s escoces@s votarán en referendo se queren constituírse como estado independente ou seguir ligados a Gran Bretaña. Unha consulta impulsada polo goberno escocés, en mans dos nacionalistas, e que Londres xa afirmou en repetidas ocasións que respetará. O primeiro ministro británico, David Cameron, sinalou que "só @s escoces@s deben decidir o lugar que queren ocupar no Reino Unido".
Colante pola liberdade da Escocia
photo_camera Colante pola liberdade da Escocia

Sen ameazas, extorsións, augurios de catástrofe ou profecías apocalípticas. Simplemente normalidade democrática. A intención do goberno escocés, anunciada a principios de ano, de convocar un referendo sobre a independencia de Escocia, é respectada polo executivo británico. Non só respectada, senón que Londres non impedirá a súa realización e acatará os resultados da consulta. Nada a ver, desde logo, co comportamento doutro estado europeo onde algún dos seus territorios quere decidir o seu futuro. Sóalles?

Nesta semana, representantes do goberno británico e escocés mantiveron xuntanzas para falaren da consulta, desde a data de realización até o contido da pregunta. Hai discrepancias, claro. Mais negóciase. Non se veta nin demoniza. Londres opta, no que atinxe á pregunta da consulta, polo todo ou nada, en palabras de Cameron "dentro ou fóra", sendo así a cuestión que se realice na papeleta a de independencia si ou non, sen máis. Pola súa banda, o goberno escocés, en mans do SNP, aposta por outra vía. Xunta as alternativas de optar pola independencia ou por manter o actual 'status quo', a papeleta contería unha terceira opción: A 'Devo Max', un amplo autogoberno para Escocia, contemplando mesmo total soberanía fiscal, e pola cal este país só seguiría compartindo con Gran Bretaña as cuestións de defensa e, en menor medida, asuntos exteriores.

Segundo diversos medios habería un principio de acordo para que a pregunta sexa simplemente independencia si ou non, mais Edimburgo non dá por pechada a negociación e a posibilidade dunha segunda pregunta coa Devo Max.

Alex Salmond, presidente escocés: "Se quero que sexamos independentes non é porque crea que somos mellores que ningún outro país, senón porque sei que somos tan bos como calquera outro país".

Votar e lembrar a batalla histórica

Outra cuestión que era albo das negociacións xa está acordada, e a favor dos intereses de Escocia. Londres era partidario de que o referendo tivese lugar en 2013.  O executivo escocés, porén, opta por 2014, procurando así máis tempo para a súa campaña pro soberanía e ao tempo facer coincidir a consulta co 700 aniversario de Bannoockburn, data gravada a lume na historia escocesa por ser unha histórica vitória no campo de batalla dos clans escoceses sobre o exército inglés. A consulta será, finalmente, en outono de 2014.

Un millón de sinaturas a prol da independencia da Old Alba

A prol dunha soberanía escocesa non só se manifesta o gobernante SNP (Partido Nacionalista Escocés, con maioría absoluta no parlamento), senón tamén o Partido Verde Escocés (con representación na cámara rexional) ou o Parthaid Soisealch na h´Alba (Partido Socialista Escocés, independentista e socialista). Tamén existen redes cidadás e plataformas ambientalistas, sociais e feministas traballando nesta liña. A idea é a de atinxir un millón de sinaturas a favor da independencia para as datas de celebración da consulta.

Sondaxes, campo de batalla

Desde comezos de ano hai unha treboada de inquéritos e sondaxes sobre as intencións de voto d@s escoceses e escocesas nesa consulta. Entrementres Yougov cifraba nun 33% o apoio á independencia e un 57% a oposición á mesma entre a cidadanía de Escocia, ICM Research equilibra máis as forzas: un 40% a prol da independencia e un 42% en contra.

Mais no caso de que na papeleta se contemplase a opción da 'Devo Max' (amplo autogoberno), recadaría o 68% dos apoios d@s cidadáns e cidadás de Escocia. Esa é, especulan @s británic@s, o as na manga que se gardan os nacionalistas, para acadar, se non logran a independencia, un amplo autogoberno que desde Westminster algunhas fontes cualifican como "independencia de facto".

Comentarios