A candidatura de Puigdemont, á beira do empate técnico con Cs e ERC

Non está fisicamente no Principat, mais é indiscutibelmente o grande protagonista da campaña. Carles Puigdemont continúa a marcar o combate eleitoral a xa menos dunha semana da votación do 21-D. Segundo a quinta toma do tracking eleitoral de ElNacional.Cat, Junts per Catalunya estaría abeirando o empate técnico con Cs e ERC, primeiro e segundo clasificados nesta sondaxe. O bloco independentista afortala as súas opcións de reter a maioría absoluta.

mitin JxS
photo_camera Mitin de Junts pel Sí en Mollerussa, coa imaxe de Puigdemont proxectada nunha pantalla

31-32 escanos para Cs. 30-32 para ERC. 28-30 para JxCat. Os tres chegan nun pano ao sprint final do 21-D. As tendencias neste momento son de leve retroceso da candidatura de Arrimadas e de progreso das forzas soberanistas. Esa é a principal conclusión do quinto tracking eleitoral de ElNacional.Cat.

Cs continuaría a ser a forza máis votada, con 23,09 por cento e entre 31 e 32 escanos (25 no Parlament emanado das urnas de 2015). En segunda praza aparecería ERC, con 21,22 por cento e entre 30 e 32 asentos, en tanto que JxCat obtería 19,57 por cento dos sufraxios e entre 28 e 30 escanos.

A partir daí xa se abre unha certa fenda e aparece na cuarta posición o PSC de Miquel Iceta, que foi perdendo folgos durante a carreira. Feedback prognostícalle 14,91 por cento das papeletas, entre 19 e 21 escanos. No combate pola quinta praza estase a impor a CUP face Catalunya en Comú-Podem (7,61 por cento e 9-10 escanos face 7,22 e entre 8 e 10 escanos). Esta pelexa merece comentario aparte: da capacidade de resistencia da CUP depende boa parte das hipóteses de o soberanismo manter a maioría absoluta (e o que di o inquérito é que a formación anticapitalista si resiste e podería até non perder ningún representante), mentres que pola súa banda todo indica que a confluencia catalá -aliada do Podemos de Pablo Iglesias- perderá votos e escanos a respeito de 2015.

O fechacancelas é o Partido Popular, quen, embora mellora lixeiramente os resultados a respeito de trackings anteriores, se mantén nun residual 5,68 por cento, con entre 6 e 7 escanos (11 en 2015).

A dialéctica dos blocos

 

Con estes dados, o bloco independentista tería entre 67 e 72 escanos (72 en 2015) e até incrementaría a súa participación na tarta eleitoral, ao pasar de 47,80 a 48,40 por cento. O bloco do 155, por súa parte, ficaría lonxe da maioría (entre 56 e 60 escanos). O resultado soberanista sería especialmente bon tendo en conta que o estudo prognostica unha participación histórica e sen precedentes, 83,57 por cento (74,95 en 2015).

Outras sondaxes

 

Esta sexta feira publicáronse outros inquéritos. As de ABC e El Mundo concordan con ElNacional.Cat en que a primeira forza será Cs en votos, se ben na do diario monárquico o partido de Arrimadas gañaría en sufraxios e escanos e na do xornal fundado por Pedro J. Ramírez só o faría en papeletas. La Razón publica, en troca, un estudo de NC Report que outorgaría a primeira praza a ERC, prognóstico ao que tamén apunta o inquérito de El Periódico de Catalunya.

O grupo PRISA apresenta dous estudos distintos. No de El País gaña Cs, no da SER imponse ERC.

Comentarios