xoves 13/08/20
O Tribunal Supremo en xogo

Republicanos manteñen a opción do xuíz proposto por Trump pese a ser acusado de intento de violación

Ultraconservador, Brett Kavanaugh foi proposto por Donald Trump para ocupar unha cadeira no Supremo. Un nomeamento vitalicio, como todos os que se fan para o máximo órgao do poder xudicial nos EUA. A súa elección está agora baixo sospeita, ao transcender que unha muller o acusa de a ter violado hai tres décadas. O Partido Republicano mantén a candidatura, en tanto que a oposición demócrata pide que se suspenda o proceso mentres non se investigue o asunto.

Trump, desde o atril, aplaude perante Kavanaugh e a súa familia, o día do nomeamento do xuíz [Foto: Casa Branca]
Trump, desde o atril, aplaude perante Kavanaugh e a súa familia, o día do nomeamento do xuíz [Foto: Casa Branca]

O nomeamento de Brett Kavanaugh por Donald Trump ten de ser necesariamente validado polo poder lexislativo e, nese sentido, a votación está prevista para esta quinta feira no Comité Xudicial do Senado, cámara de maioría republicana. No momento en que Kavanaugh, xuíz federal de Apelacións, de 53 anos, foi nomeado polo inquilino da Casa Branca, o referendo parlamentar apresentábase como un mero trámite. Mais todo mudou cando unha senadora demócrata recibiu unha carta anónima en que unha muller denunciaba que  Kavanaugh a tentara violar trinta anos atrás, durante a súa época de estudantes no instituto.

Este domingo a muller deu un paso á frente e saíu do anonimato, cunha entrevista no The Washington Post. Trátase de Christine Blasey Ford, profesora universitaria de California. Non só relatou a tentativa de violación, senón que declarou que continúa a sofrer secuelas psicolóxicas polo asalto.

Mesmo así, o Partido Republicano continúa a respaldar o nomeamento de Kavanaugh e non ve razóns para o Senado non o referendar a quinta feira. A oposición demócrata  —que aspira a reconquistar a maioría nas cámaras nas eleccións lexislativas de novembro— pide, en troca, que o proceso se paralice en tanto non se esclarecer o asunto.

A senadora receptora da carta-denuncia, Dianne Feinstein, declarou: "Apoio a decisión de Ford de partillar a súa historia [por ter falado con The Washington Post] e agora que o fixo, está nas mans do FBI a abertura dunha investigación. Iso debería acontecer antes de o Senado avanzar con este nomeamento".

A cuestión non é en absoluto baladí porque nos EUA os nomeamentos ao Tribunal Supremo son vitalicios. Formada por 9 xuíces, a cúpula do poder xudicial nos EUA sería favorábel aos conservadores por 5-4 de ir avante a designación de Kavanaugh. Certo é que eventualmente Trump o podería substituir por outro candidato limpo de toda sospeita, mais a inclinación por designar este xuíz federal de Apelacións ten a ver con que se trata dun maxistrado que ten posto en cuestión a lexitimidade do xulgamento dun presidente en exercicio. E ese —coa ameaza do impeachment pola conexión rusa no horizonte da Casa Branca— non é un asunto menor para Trump.

Republicanos manteñen a opción do xuíz proposto por Trump pese a ser acusado de intento...
comentarios