O candidato comunista Jadúe lidera as sondaxes electorais en Chile

As protestas contra Piñera toman as rúas do país.
O candidato Daniel Jadúe. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O candidato Daniel Jadúe. (Foto: Nós Diario)

O rexeitamento ás políticas neoliberais do presidente de Chile, Sebastián Piñera, e o apoio a un proceso constituínte que poña fin ao modelo social e económico chileno imposto pola ditadura de Pinochet e continuado polos Executivos da democracia van da man. As protestas que vive actualmente Chile e as últimos enquisas referidas ás eleccións presidenciais do 21 de novembro apuntan a un escenario electoral inédito.

Así, unha recente sondaxe elaborada entre o 13 e 16 de abril para o xornal dereitista El Mercurio coloca en primeiro lugar en intención de voto o candidato do Partido Comunista, Daniel Jadúe, con 18,6% do apoio, e en segundo lugar a presidenciábel do Partido Humanista, Pamela Hiles, con 17,5%. Un e outro téñense significado polo seu compromiso co proceso constituínte e pola súa vontade de ruptura co réxime herdado de Pinochet.

A enquisa de El Mercurio atópase na liña das sondaxes publicadas nos últimos meses. Nun sentido semellante, tense pronunciado a finais de marzo outro traballo do prestixioso Centro Estratéxico Latinoamericano de Xeopolitica (Celag), que outorga a Jadúe o 21,1% dos votos, a Hiles o 18,8% e a Joaquín Lavín, principal candidato da dereita, o 12,4%.

Ao tempo, a ruptura da maioría parlamentaria que apoia a Piñera e a volta da conflitividade á rúas como consecuencia das últimas decisións do mandatario chileno adiantan un descenso nas perspectivas electorais do partido no Executivo.

Precisamente hoxe, 26 deputados gobernamentais rexeitaron na Cámara chilena a negativa de Piñera a impedir aos particulares a retirada de 10% dos aforros dos plans de pensións e votaron a favor dun imposto aos “súper ricos”, aprobado por 105 deputados, cuxa recadación vai ser destinada a unha renda básica de emerxencia.

O acordo parlamentario prodúcese no marco de importantes protestas no país e cando a principal organización sindical, a Central Unitaria de Traballadores (CUT), convocou unha folga xeral para o 30 de abril.

No seu chamado, a entidade sinala que “a situación amosa como a crise prexudicou unicamente os máis pobres, situación que a este Goberno non só non lle incomoda, senón que o reforza” e reclama a súa afiliación “para manterse vixiantes e permanecer preparados para mobilizarnos en apoio ás xustas e necesarias demandas da cidadanía, pola total ausencia do Goberno, que se nega a outorgar protección a millóns de compatriotas, no medio da peor crise económica do presente século”.

Comentarios