Canadá permite a unha empresa producir e distribuír cocaína

A empresa poderá "interactuar" con até 250 gramos de cocaína e importar follas de coca para fabricar e sintetizar a substancia, que non se venderá ao público en xeral. A Columbia Británica desenvolve un proxecto piloto que despenaliza drogas 'duras' como heroína, cocaína ou metanfetamina ante o crecente número de mortes por sobredose.
A provincia da Columbia Británica desenvolve un proxecto piloto que permite a posesión de pequenas cantidades de drogas 'duras'.
photo_camera A provincia da Columbia Británica desenvolve un proxecto piloto que permite a posesión de pequenas cantidades de drogas 'duras'.

A provincia canadense da Columbia Británica é albo desde o pasado mes de xaneiro dun proxecto piloto que durará tres anos e que ten por obxectivo abordar a drogadicción desde unha perspectiva diferente, non tanto "punitiva" como si cun enfoque baseado "na saúde pública" e a "redución de estigmas". Para iso, o Goberno de Justin Trudeau aprobou unha exención do Código Penal que permite a posesión de pequenas cantidades de drogas consideradas 'duras', como a cocaína, para o consumo propio e baixo unha serie de requisitos.

Desde o pasado 31 de xaneiro, as e os canadenses residentes nesta provincia poden posuír até 2,5 gramos de diferentes substancias como, alén da cocaína, a heroína, o éxtase, a morfina, a metanfetamina ou a heroína. As autoridades non poderán multar estas persoas ou requisarlles o produto; pola contra, ofreceranlles todos os recursos sociosanitarios ao seu dispor para superar a adicción.

Trudeau, inicialmente remiso a despenalizar determinadas drogas 'duras', decidiu tomar esta decisión alegando o crecente número de casos de morte por sobredose que levaron a Columbia Británica a declarar unha emerxencia de saúde pública en 2016. Desde entón, máis de 11.000 persoas faleceron a conta da adicción a estas substancias.

Agora o Goberno do Canadá vai un paso máis aló permitindo a produción, venda e distribución de cocaína de forma legal. Esta quinta feira a compañía Adastra Labs recibiu unha licenza do Ministerio de Sanidade para facelo, co gallo de mellorar as condicións de seguridade das persoas adictas no país.

Esta empresa, especializada no procesamento de cannabis, poderá "interactuar" con até 250 gramos de cocaína e importar follas de coca para fabricar e sintetizar a substancia. A venda, porén, só está permitida, apunta a canle CBC, aos "posuidores de licenza para a cocaína, como farmacéuticos, médicos, hospitais ou se hai unha exención con fins de investigación", como sería o caso da Columbia Británica. "Non se pode vender ao público en xeral", precisou o Ministerio en declaracións a ese medio.

"A redución de danos é un tema central e de importancia crítica, e ficamos á vangarda das regulacións de drogas en todos os eidos", sinalou o director executivo de Adastra, Michael Forbes.

A medida, porén, recibiu fortes críticas doutras formacións políticas. O líder da oposición nesta provincia, Kevin Falcon, subliñou que "a cocaína non se prescribe, non é segura, e isto está mal". "Comercializar a cocaína como oportunidade de negocio equivale a legalizar o tráfico de cocaína", sentenciou.

Comentarios