Canadá exixirá a Netflix e Amazon investimentos no audiovisual local

"Estamos a pedir a estas grandes e ricas compañías que invistan en historias canadenses, en música canadense, en artistas canadenses", afirmou o Goberno.
Unha persoa visualiza Netflix no seu teléfono móbil. (Foto: Europa Press)

O Goberno do Canadá forzará as grandes plataformas de contidos audiovisuais estadounidenses, como Netflix ou Amazon, a investir na produción de filmes, serie de TV e música canadense. Así se desprende das modificacións á lei de Radiodifusión presentadas polo Goberno federal, unha mudanza agardada desde hai tempo polos creadores nacionais, segundo informou The Hollywood Reporter.

"Estamos a pedir a estas grandes e ricas compañías que invistan en historias canadenses, en música canadense, en artistas canadenses", tanto como as compañías e canles de TV locais xa fan na actualidade, afirmou Steven Guilbeault, ministro de Patrimonio.

Ademais, as emendas na lexislación obrigarán os xigantes do streaming a subsidiar o desenvolvemento, a produción e a distribución de contidos culturais e de entretemento locais nas súas respectivas plataformas.

Os cambios tamén afectarán aos servizos de música en streaming propiedade de Apple, Spotify, YouTube, Facebook e compañías locais.

Guilbeault considera que era necesario que estas grandes multinacionais ─"os xigantes da internet se prefiren: os Netflix, os Spotify, os Apple Music, os Amazon Prime deste mundo"─ se adaptasen á normativa do Canadá e iso é "exactamente o que estamos a facer", manifestou.

Lexislación na Unión Europea

A este lado do Atlántico, a UE modificou en 2018 unha directiva de 2013 en que estabelece que "Os Estados membros velarán por que os prestadores de servizos de comunicación audiovisual […] dispoñan dunha porcentaxe de polo menos 30% de obras europeas nos seus catálogos".

Os Estados tiñan un prazo para trasladar a directiva á lexislación propia, mais nalgúns casos ─como o español, o pasado 19 de setembro─ o prazo cumpriuse sen o facer.

Comentarios