As autoridades do Canadá aprobaron esta cuarta feira o uso da vacina contra a Covid-19 de Pfizer/BioNTech a partir dos 12 anos, converténdose no primeiro país en autorizala para persoas tan novas. "Marca un fito significativo na loita do Canadá contra a pandemia", afirmou nunha conferencia de prensa Supriya Sharma, a asesora médica principal do ministerio de Sanidade do país norteamericano.
A decisión baséase nun ensaio clínico realizado nos Estados Unidos en que participaron máis de 2.000 menores entre 12 e 15 anos. Tras recibir as dúas doses do antíxeno, mostrouse que é tan seguro para os adolescentes como para os adultos, segundo afirmou a Sharma.
A vacina de Pfizer foi autorizada en decembro para o seu uso en persoas de 16 anos en diante. A compañía e os fabricantes das outras tres vacinas autorizadas no país ─AstraZeneca, Janssen e Moderna─ están a elaborar os seus propios estudos en nenos de até seis meses de idade.
Na Unión Europea, esta mesma semana a Axencia Europea do Medicamento (EMA) anunciaba que comezara a avaliar a ampliación do uso da vacina de Pfizer para incluír os menores de 12 a 15 anos. E agárdase que os Estados Unidos dean a súa autorización a semana que vén.
No Canadá, desde o comezo da pandemia, arredor de 20% de todos os casos da Covid-19 foron rexistrados en persoas menores de 19 anos.
25 euros por vacinarse
Por outra banda, o presidente de Serbia, Aleksandar Vucic, anunciou que o Estado dará unha axuda financeira de 3.000 dinares serbios (algo máis de 25,5 euros) á cidadanía maior de 16 anos que se vacine contra a Covid antes do 31 de maio.
"Dado que non podemos impor medidas discriminatorias negativas para quen non reciban a vacina, estivemos a pensar en como recompensar a quen foron vacinados", argumentou.