Canadá autoriza a Pfizer desde os 12 anos de idade

Primeiro país en avalar esta vacina só utilizada até agora a partir dos 16 anos. Por outra banda, Serbia anunciou que pagará 25 euros ás persoas que se vacinen.
EuropaPress_3636745_08_april_2021_canada_upper_hammonds_plains_health_worker_prepares
photo_camera Unha profesional médica canadense prepara unha xeringa con Pfizer (Foto: Andrew Vaughan / The Canadian Press)

As autoridades do Canadá aprobaron esta cuarta feira o uso da vacina contra a Covid-19 de Pfizer/BioNTech a partir dos 12 anos, converténdose no primeiro país en autorizala para persoas tan novas. "Marca un fito significativo na loita do Canadá contra a pandemia", afirmou nunha conferencia de prensa Supriya Sharma, a asesora médica principal do ministerio de Sanidade do país norteamericano. 

A decisión baséase nun ensaio clínico realizado nos Estados Unidos en que participaron máis de 2.000 menores entre 12 e 15 anos. Tras recibir as dúas doses do antíxeno, mostrouse que é tan seguro para os adolescentes como para os adultos, segundo afirmou a Sharma.

A vacina de Pfizer foi autorizada en decembro para o seu uso en persoas de 16 anos en diante. A compañía e os fabricantes das outras tres vacinas autorizadas no país ─AstraZeneca, Janssen e Moderna─ están a elaborar os seus propios estudos en nenos de até seis meses de idade.

Na Unión Europea, esta mesma semana a Axencia Europea do Medicamento (EMA) anunciaba que comezara a avaliar a ampliación do uso da vacina de Pfizer para incluír os menores de 12 a 15 anos. E agárdase que os Estados Unidos dean a súa autorización a semana que vén.

No Canadá, desde o comezo da pandemia, arredor de 20% de todos os casos da Covid-19 foron rexistrados en persoas menores de 19 anos.

25 euros por vacinarse

Por outra banda, o presidente de Serbia, Aleksandar Vucic, anunciou que o Estado dará unha axuda financeira de 3.000 dinares serbios (algo máis de 25,5 euros) á cidadanía maior de 16 anos que se vacine  contra a Covid antes do 31 de maio.

"Dado que non podemos impor medidas discriminatorias negativas para quen non reciban a vacina, estivemos a pensar en como recompensar a quen foron vacinados", argumentou.

Comentarios