A campaña de Macron, favorito nas presidenciais francesas, denuncia interferencias rusas

O guión sería o mesmo do que a campaña norteamericana. Interferencias informáticas, campañas de desprestixio na imprensa. Todo dirixido desde Moscova para influír nas presidenciais francesas, a realizar en dupla volta, co 7 de maio como votación decisiva. É o que denuncia o movimento En Marche, do centrista populista Emmanuel Macron.

macron
photo_camera Emmanuel Macron

De acreditarmos en dirixentes políticos occidentais como Hillary Clinton ou Emmanuel Macron, Putin tenta alterar ao seu gosto o taboleiro internacional a meio dun exército de hackers e de meios de comunicación de titularidade pública como Russia Today ou Sputnik. Con esas ferramentas tenciona manipular os procesos eleitorais para pór ao fronte do executivo líderes prorusos.

As acusacións de Clinton foron mesmo avaladas polas axencias de intelixencia norteamericanas.

A tese nos EUA é que Putin conspirou para pór na Casa Branca Donald Trump. Agora estaría a facer o propio para facilitar a chegada ao Eliseo de Marine Le Pen.

Esta segunda feira, a campaña do movimento En Marche denunciou que está a ser albo de "noticias falsas" e a sofrer "ataques informáticos". 

As noticias falsas estarían a ser divulgadas por Russia Today ou Sputnik co obxectivo de retratar Macron, antigo banqueiro de investimentos, como un pión da oligarquía financeira norteamericana con intereses en Europa.

En Marche denuncia que os ataques comezaron a ser particularmente intensos no momento en que o seu candidato apareceu nos inquéritos con serias opcións de deixar fóra da segunda volta o cartaz da dereita, François Fillon, atinxido por un escándalo de nepotismo. 

Macron chegou a ter que desmentir, nun acto público, que manteña unha relación homosexual cun xornalista ás costas da súa esposa.

E para que non falte ningún clásico na trama, aquí tamén xoga un papel Julian Assange. Segundo Izvestia, Wikileaks tería "informacións interesantes" sobre o candidato de En Marche, que neste momento parece o mellor colocado para, na segunda volta, a se realizar o 7 de Maio, frear a marcha de Le Pen.

Comentarios