Donald Trump e Joe Biden enfróntanse hoxe no seu último debate electoral

A campaña estadounidense entra na recta final

A campaña electoral dos Estados Unidos entra nas súas semanas decisivas co desenvolvemento do terceiro e último debate entre o candidato republicano, Donald Trump, e o contendente demócrata, Joe Biden.
Partidarios de Donald Trump diante do hospital Walter Reed, onde permanece ingresado por coronavirus (Steven Ramaherison).
photo_camera Partidarios de Donald Trump diante do hospital Walter Reed, onde permanece ingresado por coronavirus (Steven Ramaherison).

A campaña electoral dos Estados Unidos entra nas súas semanas decisivas co desenvolvemento do terceiro e último debate entre o candidato republicano, Donald Trump, e o contendente demócrata, Joe Biden.

A cita de hoxe en Nashville, no Estado de Tennesse, presenta importantes mudanzas en relación cos encontros anteriores de setembro e outubro, onde as interrupcións e a interpretación laxa das normas pactadas provocaron desaxustes que tentan evitar coas novas regras.

Neste sentido, os organizadores van silenciar os micrófonos dos candidatos que non teñan a palabra para impedir réplicas non autorizadas e interrupcións non axustadas ao regulamento acordado. O actual mandatario, Donald Trump, non dubida en cuestionar o cambio das normas e acusar de parcialidade a Comisión de Debates Presidenciais.

O temario do debate de hoxe non é do agrado de Donald Trump. Os candidatos deben explicar a súa posición sobre a pandemia, o impacto da crise nas familias estadounidenses, a cuestión racial, o cambio climático, a seguridade nacional e o liderado.

Fica fóra do cara a cara a política exterior, aspecto que desgusta o equipo de Trump, moi centrado durante toda a campaña en sacar á luz os negocios do fillo de Biden, Hunter, en Ucrania aproveitando os contactos do pai, veterano representante demócrata e vicepresidente dos Estados Unidos con Obama. Así as cousas, está por ver o impacto da cita de hoxe no electorado, unha vez que os encontros anteriores non tiveron ningunha repercusión nas tendencias de voto.

As enquisas electorais seguen beneficiando a Biden, porén ninguén se atreve a sinalar un vencedor. A este respecto, o candidato demócrata mantén unha vantaxe de 11 puntos de media nas sondaxes nacionais da última semana así como unha importante diferenza ao seu favor nas doazóns dos grupos empresariais e particulares.

Nesta liña, calcúlase que o proceso electoral de 2020 vai ser o máis caro da historia dos Estados Unidos cun gasto de 11.000 millóns de dólares, 5.200 millóns dos cales se dedican á campaña presidencial. O apoio económico aos candidatos é un dos termómetros para coñecer as posibilidades dos representantes, nunha democracia de baixa calidade como a estadounidense, onde as grandes corporacións empresariais xogan un papel chave nos resultados finais.

A única certeza dos comicios de 3 de novembro é a súa alta participación. Os representantes republicanos e demócratas coinciden en cualificala de “histórica” e destacan que a dúas semanas da realización das eleccións 31 millóns de persoas xa teñen depositado o seu voto.

Así, por exemplo, no Estado de Texas, un bastión republicano que os demócratas aspiran conquistar desta volta, téñense emitido a esta altura máis sufraxios que o total recibido por Trump na circunscrición en 2016. A alza do voto anticipado explícano os analistas como consecuencia da pandemia, con máis Estados ofrecendo a posibilidade de enviar sufraxios por correo ou depositalo en receptores deseñados para este propósito. As críticas ao voto por correo é outro motivo de controversia na campaña, após oporse Donald Trump a esta opción e cuestionar a súa fiabilidade.
 

Comentarios