A Cámara dos comúns aproba a lei do Brexit de Boris Johnson

O Reino Unido abandonará definitivamente a Unión Europea o vindeiro 31 de xaneiro e, posteriormente, negociará con Bruxelas a súa nova relación comercial.
brexit
photo_camera Boris Johnson, nun momento da súa intervención desta sexta feira [Europa Press]

O primeiro ministro británico, Boris Johnson, conseguiu esta sexta feira, 20 de decembro, o apoio necesario na Cámara dos comúns para sacar adiante o seu plan de Brexit, o primeiro paso no camiño de cumprir coa súa promesa electoral de finalizar o proceso de saída do Reino Unido da UE o 31 de xaneiro.

As deputadas e deputados en Westminster votaron, 358 a 234, a favor de que a proposta avance á fase de comités, o seguinte trámite parlamentario, onde poderá ser emendado antes da súa aprobación definitiva, entrando xa en 2020. 

Máis de tres anos despois desde que a cidadanía do Reino Unido decidise en referendo abandonar a UE, as incertezas sobre o Brexit dan paso agora á seguridade de que o 31 de xaneiro se producirá a saída. Será entón que Boris Johnson comece as negociacións con Bruxelas para estabelecer as relacións comerciais entre os dous axentes.

"Momento de unirse"

"Este é o momento no que avanzamos e deixamos atrás as vellas etiquetas de leave (abandonar) e remain (permanecer). Agora é o momento de actuar xuntos como unha nación revitalizada, un Reino Unido", sinalou Johnson ante o Parlamento antes da votación.

"Agora é o momento de unirse e escribir un novo e apaixonante capítulo na nosa historia nacional, para forxar unha nova colaboración cos nosos amigos europeos, para erguerse alto no mundo, para comezar a curación pola que todo a xente deste país arela", engadiu.

Trámites finais

A fase final da ratificación desenvolverase despois do Nadal, coa data límite do 9 de xaneiro para a aprobación definitiva por parte da Cámara baixa do Parlamento do Acordo de Saída.

Xa que logo, quedarían despois tres semanas até o 31 de xaneiro nas que a lei pasará pola Cámara baixa e, finalmente, reciba o chamado Consentimento real por parte da raíña Isabel II, xefa de Estado británica.

Unha vez que, nesa data, o Reino Unido abandone a UE, Londres iniciará as negociacións con Bruxelas que se poderán estender máis alá de 2020 despois do cambio introducido á lei de Acordo de Saída.

"Hoxe cumpriremos a promesa que fixemos ao pobo", dixo Johnson sobre a aprobación, e augurou: “O próximo ano será un grande ano para o noso país".

Comentarios