Colau denuncia agresións sexuais da Policía no 1-0

A alcaldesa de Barcelona asegura que recibiu varios testemuños de mulleres que denuncian estes feitos.

policia

Porrazos, pelotas de goma, pancadas, patadas, empurróns, tiróns de pelo... A actuación da policía española o 1-O en Catalunya non escatimou medios. Mais agora engádese un máis: agresións sexuais. A alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, denuncia que houbo agresións sexuais por parte de axentes da policía española este domingo.

A rexedora, en declaracións a RAC1, comentou que unha destas agresións sexuais se producius na Barceloneta, aínda que tamén habería que sumar o caso da moza á que nun colexio do Eixample lle romperon dous dedos e un policía tocáballe os peitos mentres ría.

Estas agresións sexuais tamén foron denunciadas por Gorka Knörr, que fora vicepresidente do Parlamento vasco, quen a través de twitter dixo que a policía mallou unha amiga súa mentres berraban: “Non me gustan as túas tetas”.

Colau asegurou que lle chegaron varios testemuños de mulleres que denuncian agresións sexuais, ao tempo que apuntou que “se fixeron desperfectos enormes que aínda non sei cal era o obxectivo que perseguían”. A alcaldesa de Barcelona xa adiantou que o Concello presentará denuncia nos xulgados. 

Comentarios