California salienta a súa condición de "Estado-Nación" na loita contra a pandemia

O gobernador californiano, Gavin Newsom, utiliza de maneira recorrente o termo nation-state, máis aínda a raíz da xestión na crise do coronavirus. Desde hai anos, o movemento Yes California impulsa o coñecido como Calexit.

newsom
photo_camera Gavin Newsom, gobernador de California (@GavinNewsom)

A xestión da crise provocada polo coronavirus nos Estados Unidos está a provocar enfrontamentos internos entre as diferentes Administracións. As decisións en materia sanitaria, tal e como acontece noutros lugares do mundo e como aconsella a Organización Mundial da Saúde, dependen das entidades máis próximas á poboación.

No caso do país norteamericano, son os Estados. California éo desde setembro de 1850, catro anos despois de que un grupo de colonos iniciase unha rebelión contra México, de quen formaba parte como provincia desde 1821, ano en que finalizou o dominio colonial español na rexión.

Nas últimas semanas, a imaxe do gobernador californiano, Gavin Newsom, está a ser reforzada mentres que a do presidente estadounidense, Donald Trump, debilítase. A pasada semana Newsom anunciou a compra de 200 millóns de máscara ao ao mes ante a inacción do Goberno federal.

Ao informar a adquisición do material, Newsom declarou que contaban co potencial adecuado para manobrar pola súa conta, de xestionarse como "Estado-Nación" (nation-state, é o termo literal por el usado) capaz de trazar o seu propio curso ante a pandemia.

Mais xa antes o termo forma parte dos seus discursos. Por exemplo, o 15 de marzo describía California desta maneira á hora de falar de plans escolares: "Temos que dar resposta ás necesidades de todas as nosas diversas comunidades nun "Estado-Nación" (nation-state, de novo) con máis de seis millóns de crianzas".

Federalismo e Calexit

O columnista de Bloomberg Francis Wilkinson augurou que a postura sostida polo gobernador, podería dar inicio ao que denominou como unha "guerra civil entre o trumpismo e a nacente maioría estadounidense do século XXI, representada polo electorado de esquerdas (liberal é a palabra usada nos EUA)".

Ademais, Wilkinson considera que a postura do gobernador Newsom ─cargo equivalente a un presidente de Comunidade Autónoma na lexislación española─ pon sobre a mesa un "conflito para o federalismo", xa no só polo caso da loita contra a pandemia, senón tamén porque California é un Estado "santuario" para as persoas migrantes, en contra da política de Trump.

Tamén a columnista do New York Times Jill Cowan, analizou esta terza feira a polémica arredor do uso do termo nation-state por parte de Newsom. "A continua suxestión de que California é dalgún modo unha nación de seu está a pór a xente nerviosa e a xerar preocupación sobre o futuro do federalismo estadounidense".

Desde hai anos a campaña secesionista Yes California, impulsada por movementos da esquerda do Estado californiano, promoven a independencia dos Estados Unidos. Un movemento que popularmente se deu en chamar Calexit, parafraseando o Brexit.

Comentarios