Cales son os países "máis felices" do mundo?

No Día Internacional da Felicidade, a ONU presenta o seu informe anual sobre o nivel de ledicia que experimenta a cidadanía de cada Estado.
A aurora boreal sobre o ceo de Finlandia, o país que encabeza este ránking por sexto ano consecutivo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A aurora boreal sobre o ceo de Finlandia, país que encabeza este ránking por sexto ano consecutivo. (Foto: Nós Diario)

O Índice mundial da felicidade sitúa á cabeza de novo Finlandia, por sexto ano consecutivo, e relega o Estado español ao posto 32, o que supón un novo descenso neste estudo elaborado anualmente polo Instituto Gallup —a petición da ONU— e que examina nesta ocasión os efectos na percepción xeral da poboación sobre cuestións como a guerra de Ucraína, o aumento do custo da vida ou a pandemia da Covid-19, entre outros factores.

Finlandia repite como 'número 1' desta particular lista, que se presenta esta segunda feira, 20 de marzo, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Felicidade. O país escandinavo obtén unha puntuación de 7,804 a partir de análises concretas sobre apoio social, ingresos, saúde, liberdade, xenerosidade e ausencia de corrupción.

As persoas expertas coinciden en que os Estados considerados máis felices do mundo responderon cunha "considerábel resiliencia" aos retos que se presentan no presente e o futuro inmediato, cuxos efectos se deixaron notar en zonas con menor nivel de desenvolvemento. Canda Finlandia, completan os dez primeiros postos da lista Dinamarca, Islandia, Israel, Países Baixos, Suecia, Noruega, Suíza, Luxemburgo e Nova Zelandia.

No lado oposto da balanza sitúanse Afganistán —cunha nota de 1,859—, Líbano, Serra Leoa, Zimbabue, República Democrática do Congo, Botsuana e Malaui, mentres que en América Latina a cara e a cruz póñena Costa Rica, na posición 23, e Venezuela, que non aparece até o número 88.

O Estado español, que obtén un 6,436 após figurar cun 6,476 no informe do pasado ano, aparece na trixésimo segunda posición, xusto por detrás de Estonia e lixeiramente por riba de Italia. En 2022 fora 29º, e no ano anterior, 27º.

A 'eudaimonía' de Aristóteles

"Unha vez que se acepta a felicidade como meta de goberno, isto ten outros efectos profundos en prácticas institucionais. A saúde, especialmente a saúde mental, asume aínda máis prioridade para as persoas, do mesmo modo que a calidade do traballo, da vida familiar e da comunidade", salientan as persoas autoras do informe.

Unha persoa, precisan, "só experimentará altos niveis de satisfacción xeral coa súa vida se a súa xente tamén é 'pro-social', saudábel e próspera". Ou, o que é o mesmo, a súa xente debe ter altos niveis do que o filósofo grego Aristóteles deu en chamar 'eudaimonía' —estado de satisfacción debido xeralmente á situación dun mesmo na vida—. "A satisfacción coa vida e a eudaimonía van da man. A nivel individual, con todo, poden diverxer", sosteñen.

Comentarios