O caldo para novas variantes da Covid segue ao lume

Amnistía Internacional carga contra a avaricia e o egoísmo das grandes produtoras da vacinaMentres a vacinación non sexa mundial, o risco de que xurdan novas variantes do coronavirus inmunes ás vacinas actuais é enorme. A ciencia repíteo desde hai meses: a inmunidade grupal ten que ser a nivel planetario. É dicir, a vacinación tense que estender a todos os habitantes da 'aldea global' en que vivimos. Tamén aos menos ricos.
EuropaPress_3906383_31_august_2021_thailand_samut_prakarn_people_wait_to_receive_the
photo_camera Varias persoas agardan a ser vacinadas na cidade tailandesa de Samut Prakarn. (Foto: Peerapon Boonyakiat / SOPA)

"Vacinar o mundo é o noso único camiño para saírmos desta crise", declarou Agnes Callamard, secretaria xeral de Amnistía Internacional (AI). Fíxoo onte tras a presentación do informe Unha dobre dose de desigualdade, onde a ONG critica que os seis principais produtores da vacina da Covid-19 "están a alimentar unha crise de dereitos humanos sen precedentes como consecuencia da súa negativa a liberar as patentes e a compartir a tecnoloxía das vacinas".

Nomeadamente, acusa a AstraZeneca, BioNTech, Johnson & Johnson, Moderna, Novavax e Pfizer de negarse a participar nas iniciativas para impulsar a súa distribución a nivel global, malia que a maioría recibiu miles de millóns de euros de diñeiro público para a investigación e a produción. Menos de 1% da poboación dos países con ingresos baixos están completamente inoculados, en comparación co 55% dos países ricos.

"Deberiamos estar loando estas compañías, que crearon a vacina tan axiña, como heroínas. Pola contra, para a súa vergoña e o noso pesar colectivo, o bloqueo intencionado da transferencia de coñecemento da grande industria farmacéutica e os seus tratos en favor dos Estados ricos xeraron unha escaseza de vacinas totalmente predicíbel e totalmente devastadora para moitos outros", dixo  Callamard.

Na práctica isto significa que países de África, América Latina e Asia están a vivir, día tras día, ao bordo do colapso sanitario; que se produzan miles de mortes evitábeis todas as semanas. E visto desde unha posición egoísta, que se cree o caldo de cultivo perfecto para que o novo coronavirus poida mutar en variantes máis agresivas e inmunes ás vacinas existentes.

Análise individualizado

Para sustentar as acusacións contra as grandes farmacéuticas, AI afirma que realizou unha análise das políticas de cada unha destas compañías a respecto dos dereitos humanos, da taxación do prezo das vacinas, dos informes en propiedade intelectual, do compartir coñecemento e tecnoloxía, da distribución xusta das doses dispoñíbeis e da transparencia. E ofrece algúns datos interesantes. 

Pfizer e BioNTech, por exemplo, entregaron até agora nove veces máis vacinas a Suecia que a todos os países de ingresos baixos xuntos (tan só 1% da súa produción). Para finais do próximo ano 2022, con base nos altos prezos estabelecidos para cada unha das doses da súa vacina, os beneficios alcanzarán os 86.000 millóns de dólares (73.300 millóns de euros). 

Moderna aínda non entregou nin unha soa dose a países con baixos ingresos; facilitou só 12% das súas vacinas a países de ingresos medios; e non subministrará a gran maioría dos pedidos para Covax até 2022. Calcúlase que a final deste ano próximo chegará a uns beneficios de 47.000 millóns de dólares (40.000 millóns de euros).

Johnson & Johnson desenvolveu a única vacina monodose do mercado, que vende a prezo de custo. Porén, non cumprirá cos seus compromisos con Covax e a Unión Africana até 2022. Ademais, negouse a dar licenza a un produtor canadense que prometía impulsar a fabricación de vacinas, con millóns de doses máis.

Astrazeneca distribuíu a maioría das súas vacinas, que tamén vende a prezo de custo, a países con baixos ingresos. Ademais, deu licenza de forma voluntaria a varios produtores. Con todo, negouse a abrir e compartir o seu coñecemento e tecnoloxía coas iniciativas da OMS e opúxose á proposta na Organización Mundial do Comercio (OMC) para a liberación temporal de patentes.

Novavax aínda agarda a que a súa vacina sexa aprobada, mais actualmente contempla que dous terzos da produción sexan destinados a Covax. Non obstante, ao igual que outras farmacéuticas, négase a compartir o coñecemento e a tecnoloxía e tamén se opuxo á proposta dentro da OMC. 

Comentarios