"Calais é un vertedoiro no que amorean cinco mil persoas"

A portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, visitou o campo de reufixiad@s coñecido como 'a Xungla' onde reclamou "un paso seguro" por territorio comunitario. 

Miranda con refuxiado sirio Calais
photo_camera Ana Miranda conversa cun refuxiado sirio en Calais [Imaxe Delmi Álvarez]

Ana Miranda, portavoz do Bloque en Bruxelas e integrande da Alianza Libre Europea --EFA, nas súas siglas en inglés-- visitou esta segunda feira o campo de persoas refuxiadas de Calais (Francia). Un lugar coñecido como 'a Xungla' no que moran "5 mil persoas", entre elas "200 menores sós", sinalou Ana Miranda, nunhas "condicións de miseria" apenas a "dúas horas de Paris" e "tres de Bruxelas"

"É un vertedoiro, un lameiro de 18 hectáreas"

Calais, o maior campo de toda Europa "é un vertedoiro", afirmou a nacionalista, "un lameiro de 18 hectáreas" situado a carón do Canal da Mancha no que as persoas refuxiadas agardan para cruzar até o Reino Unido. 

Após visitar as instalacións da man de persoas voluntarias e as ONGs que traballan prestando axuda, Ana Miranda sinalou que as autoridades francesas non están a prestar asistencia sanitaria nen servizos básicos. Un traballo que realizan @s voluntari@s de maneira "admirábel" fronte á "inacción dos gobernos". 

"Estamos nunha Europa que presume de valores e amosa unha terríbel deshumanización"

“Estamos nunha Europa que presume de valores e amosa unha terríbel deshumanización"."Europa perdeu o sentido da solidaridade e non hai valados que poidan conter as ansias de supervivencia", dixo a nacionalista. 

Neste senso, exixiu que se habilite "un paso seguro por territorio comunitario", cuestión que reclamarán á Comisión europea. Así mesmo, Ana Miranda avanzou que a organización frontista estará presenta na mobilización convocada para o 27 de febreiro en Bruxelas en apoio ás persoas refuxiadas. 

Comentarios