Cadea perpetua aos acusados de matar a Thomas Sankara

A condena polo magnicidio de Thomas Sankara pon fin a 34 anos de impunidade.
O revolucionario e presidente de Burkina Faso, Thomas Sankara. (Foto: Txalaparta)
photo_camera O revolucionario e presidente de Burkina Faso, Thomas Sankara. (Foto: Txalaparta)

Os tres principais acusados de matar ao líder revolucionario e presidente de Burkina Faso Thomas Sankara (1984-1987) foron condenados a cadea perpetua no histórico xuízo que pon fin a case 34 anos de impunidade do magnicidio.

Nunha audiencia nun tribunal militar en Uagadugú, dous dos acusados pola morte de Thomas Sankara, Blaise Compaoré, presidente de Burkina Faso entre 1987 e 2014, e Hyacinthe Kafando, xefe do dispositivo de seguridade de Compaoré en 1987, foron condenados in absentia por fuxidos. 

O terceiro, o xeneral Gilbert Diendéré, o inculpado máis esperado no xuízo en ausencia de Kafando e Compaoré, xa cumpre unha condena de vinte anos de prisión por liderar o intento de golpe de estado en Burkina Faso de setembro de 2015.

O histórico xuízo pola morte de Sankara comezou o pasado 11 de outubro nun tribunal militar de Uagadugú, case 34 anos despois dun magnicidio que deu a volta ao mundo. 
Sankara foi tiroteado o 15 de outubro de 1987 aos 37 anos xunto a 12 dos seus colaboradores despois de que un comando golpista, liderado polo agora xulgado Compaoré, asaltase o seu despacho.

O carismático líder revolucionario panafricanista Sankara chegou ao poder en 1983 nun golpe de estado organizado con Compaoré, entón o seu mellor amigo e compañeiro de armas.

A investigación sobre a súa morte estivo bloqueada desde que Compaoré substituíse a Sankara na xefatura do Estado, desde o magnicidio até outubro de 2014, cando dimitiu e fuxiu á veciña Costa do Marfil, despois das revoltas civís cando intentou modificar a Constitución para manterse no poder.

Outros nove acusados foron condenados a penas que van desde os tres anos de prisión ao condutor de Diéndére, por manipulación de testemuñas, aos 20 anos de prisión para dous dos acusados de complicidade de asasinato e de axudar e incitar a atentar contra a seguridade do Estado.

A deliberación do tribunal militar coñécese após seis meses de audiencias nas que se escoitou a máis de 110 testemuñas. Dous dos 14 acusados, médicos militares aos que se lles imputaba falsificación de escritura pública por indicar no certificado de defunción de Sankara que a causa da morte foi natural, foron declarados non culpábeis.

Comentarios