Cada vez máis gobernos de Europa criminalizan a mendicidade e a pobreza

Noruega, Hungría, Londres, Madrid ou Verona xa punen a pobreza na súa lexislación. Desde sancións administrativas até detencións que procuran invisibilizar un problema social mais non solucionalo. 

Mendicidade Enrique J. Mateos
photo_camera Imaxe Flickr Enrique J. Mateos Martínez

Segundo os dados publicados polo diario The Guardian, en Europa arredor de 4,1 millóns de persoas non teñen unha vivenda. Porén, no vello continente existen aproximadamente 11 millóns de casas baleiras. Malia que a crise económica e as políticas neoliberais dos Estados membros e das institucións comunitarias están a acrecentar o número de persoas sen recursos, algúns países optan por punir a mendicidade e a pobreza na súa lexislación. 

O exemplo máis evidente atopámolo en Hungría. Após o triunfo eleitoral da extrema dereita, o país iniciou unha escalada de criminalización d@s sen teito. Nun primeiro comezo, o Parlamento húngaro decidiu atribuír funcións específicas ao espazo público e prohibir outras de maneira lexislativa. Pouco despois, o goberno prohibiu morar na rúa. Após uns meses decidiu sancionar con 60 días de prisión ou 530 euros de multa a aquelas persoas que durante seis meses, por dúas veces, vulnerasen a lexislación. Finalmente, prohibiu durmir no espazo público de maneira taxativa en todo o territorio do país. 

Multas, sancións e até penas de prisión procuran invisibilizar a pobreza das cidades 

"Hungría choca máis porque non tivo coidado de esconder o que está a facer", sinala Freek Spinnewijn director da Federación Europea de Organizacións Nacionais que Traballan con Sen Teito, en declaracións ao medio portugués, Público.pt. Porén, acrecenta, "noutros países europeos, isto está a acontecer de maneira máis sutil, por veces case invisíbel, e a nivel rexional ou municipal", subliña. 

Noruega, Madrid ou Roma
En Noruega, a coligazón da dereita no goberno prevé na nova lei prohibir pedir esmola en lugares públicos sob pena de prisión de até tres meses. Desde o executivo --formado polo Partido Conservador e o Partido Progreso-- afirman que a medida visa suprimir a "ligazón existente entre a mendicidade e a criminalidade" mais desde as organizacións sociais retrucan que o resultado será á inversa. "Se os mendigos son prohibidos de mendigar, iso si fará que a criminalidade aumente". 

Porén, non é Noruega o único país. O goberno de Madrid, encabezado pola alcaldesa Ana Botella, aprobou en 2013 unha ordenanza municipal pola que pune cunha multa entre 750 euros e 3.000 a quen pida esmola á porta dun centro comercial, acampe, faga malabarismo ou solicite servizos sexuais en espazos públicos. 

Tamén así a Cámara municipal de Roma castiga con sancións de 50 a 150 euros a quen coma, beba, cante ou faga barullo nas rúas do centro histórico ou mesmo fóra del se estar perto dun monumento. Xunta a el, o concello italiano de Verona pune con multas de 25 a 500 euros a quen alimentar unha persoa sen teito por unha razón de "hixiene" e para velar pola "imaxe pública da cidade", afirmou o alcalde Flavio Tosi, pertencente á Liga do Norte (extrema dereita). 

Púas en bancos e chans
Algúns outros lugares optaron por medidas tan cruentas como Londres onde o goberno local autorizou a colocación de pinchos nos portais dalgúns bloques de vivendas que impiden deitarse ás persoas sen teito. Unha medida que foi fortemente criticada nas redes sociais onde axiña se partillaron algunhas imaxes. Mesmo chegaron a recollerse 100.000 sinaturas através de Change.org. Este fito non é exclusivo de Londres. O goberno de Ana Botella inutilizou bancos públicos e alféizares. 

Desde a Federación Europea de Organizacións Nacionais que Traballan con Sen Teito lembran que "ser sen teito non é unha escolla individual", senón "o resultado dunha serie de desvantaxes" polo que "tornar a vida destas persoas máis difícil non resolve o problema", subliñan. Moi ao contrario "as persoas poden ficar menos visíbeis mais continúan aí". Polo que instan a promover medidas para a recuperación da vivenda "con dignidade" e a "custos controlados".

Comentarios