Un de cada tres menores do mundo non pode estudar a distancia se fecha a escola

Os confinamentos por mor da pandemia deixaron sen educación 463 millóns de crianzas, segundo recolle un informe elaborado por Unicef.
unicef_escola
photo_camera 72% dos escolares sen acceso á educación telemática son pobres (Xinhua / Europa Press)

O Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (Unicef) denunciou onte que unha terceira parte dos menores en idade escolar de todo o mundo non tiveron acceso á educación a distancia durante a clausura das escolas debido á pandemia polo coronavirus.

"Para uns 463 millóns de crianzas cuxas escolas fecharon por mor da Covid-19, a educación a distancia non existiu", lamentou a directora executiva de Unicef, Henrietta Fore. "A gran cantidade de crianzas que deberon interromper por completo os estudos durante meses representa unha urxencia mundial en materia de educación. As repercusións sobre as economías e as sociedades poden durar décadas", alertou.

Segundo o novo informe de Unicef, A accesibilidade da educación a distancia, no momento máis álxido dos confinamentos, case 1.500 millóns de menores se viron afectados polos feches.

O estudo non só revela as limitacións da educación a distancia e as graves desigualdades no acceso, senón que tamén fai unha análise representativa mundial sobre a dispoñibilidade da tecnoloxía, a través de datos de fogares con menores en idade escolar de até cen países.

Tarefas do fogar

Unicef alerta de que a situación é posíbel que empeore se o panorama continúa como até agora, xa que mesmo os escolares que dispoñen das ferramentas necesarias para seguir coas aulas de forma virtual non sempre poden seguir o ritmo normal debido a outros factores, como "a presión para realizar tarefas no fogar, a precariedade da contorna ou a falla de axuda para usar os plans de estudo".

O informe de Unicef tamén detalla as "notábeis" desigualdades que existen entre rexións, sendo África Subsahariana a peor para ser menor en idade escolar actualmente, pois nin a metade deles dispón de ferramentas necesarias para continuar cos estudos a distancia.

A nivel mundial, 72% das nenas e nenos en idade escolar que carecen de acceso á educación a distancia viven nos fogares máis pobres dos seus países. E nos países con menos recursos, esta porcentaxe sobe até 86%. Ademais, en todo o mundo, tres cuartas partes destes menores en idade escolar sen acceso á educación a distancia viven en zonas rurais.

A análise pon de relevo ademais as diferenzas nos índices de acceso segundo o grupo de idade. Por exemplo, o estudantado máis novo ten menos probabilidades de acceder á educación a distancia durante os anos máis importantes da súa aprendizaxe.

Comentarios