Un de cada tres galeses apoiarían a opción independentista nun referendo

A franxa de poboación entre 16 e 49 anos sería a que máis apoiaría esta opción.

cymru gales @GutoOwenH2

‘Yes Cymru’, campaña pola independencia de Gales, congratulouse das últimas sondaxes nas que apuntaban a que por volta dun terzo de galeses e galesas apoiarían a alternativa de se independizar de Londres de se realizar hoxe un referendo.

Ese apoio sería de 32%, por centaxe inferior aos partidarios de manter a unidade de Reino Unido mais que supón un avance da opción independentista ao longo destes anos.

O independentismo en Gales, que ten a súa principal representación política en Plaid Cymru, experimenta desde hai uns anos un importante pulo, no que teñen peso, ademais de factores propios, a vaga soberanista de Escocia e a aposta de Londres polo Brexit.

E quen apoia a independencia en Gales? Nomeadamente, os e as votantes máis mozas. Segundo enquisas como a de ‘You Gov’, o 46% dos votantes entre 16 e 24 anos serían partidarios da opción independentista, unha vía apoiada por 39% dos votantes entre 25 e 29 anos.

Os máis reticentes, e partidarios dun Gales integrado no Reino Unido, son os votantes de máis de 65 anos, onde o independentismo apenas calla entre 11% deles.

En canto a áreas, son as de South Wales West e as da capital Cardiff e South Central as que máis apoian a papeleta da independencia, con 37% e 36% respectivamente.

Comentarios